Volta atrás na toponimia
Volve a toponimia ó franquismo?
Navegando na rede por páxinas españolas, o consenso sobre os nomes de lugares en Galicia fende perigosamente alí onde hai pouco tempo resultaba inimaxinable
XABIER CORDAL
“Arteijo linda por el noreste con La Coruña”: basta navegar ao chou as páxinas españolas da Wikipedia para reparar en que o consenso sobre a nosa toponimia fende perigosamente alí onde hai pouco tempo resultaba inimaxinable. Durante a cultura da chamada Transición ou Restauración, un período no que Lluis Llach actuaba en Madrid sen medo a ser apupado, os españois de lingua castelá exclusiva esforzábanse por aprender rudimentos do que a Constitución de 1978 denominaría, sen citalas, as outras linguas españolas. Sabíase traducir o que poñían os adhesivos dos coches bilbaínos contra as centrais nucleares -ez, ezkerrik asko- e que Celso Emilio Ferreiro era poeta en galego.
A televisión e a radio comezaron a usar por fin con naturalidade Rianxo, Viveiro, Sanxenxo, Ponteareas. Mentres as Comunidades Autónomas que asumiron as linguas nacionais divulgaban no ensino as razóns filolóxicas para, segundo o caso, restaurar ou conservar a forma orixinal de cada topónimo, parte da España oficialmente monolingüe foi sementando con pedras as vías de comprensión que tanto custara abrir. A ruptura comezou a facerse patente conforme se aprobaba a nomenclatura oficial para as cidades e provincias, sobre todo, catalás. Algúns académicos da lingua española mostraron desconformidade, pero a maior parte dos xornais do Estado incorporáronas, e tamén os telexornais e os programas deportivos asumiron que había clubs co nome de Ourense, Lleida ou Joventut.
Declaraba recentemente Pedro J. Ramírez, pouco sospeitoso de aliñarse con posturas reivindicativas neste apartado, que porfiar na tradución ao castelán dos “topónimos non estranxeiros” con forma orixinal noutra lingua implicaba unha desconsideración do seu carácter español. Pero o certo é que esa seguía sendo práctica habitual en numerosos organismos oficiais encargados de medicións topográficas, de estudos climáticos; mesmo das Forzas e Corpos de Seguridade. A continua falta de respecto cara á forma oficial dos topónimos provocou interpelacións parlamentarias e denuncias por parte de organizacións cívicas. Chegouse a cualificar de erro involuntario ou de simple neglixencia o feito de se manteren barbarismos (”Ginzo de Limia”, “Fuenterrabía”, “San Cucufate del Vallés”, etc. etc.) que prestixiosas institucións mundiais coma National Geographic xa corrixiron hai tempo no mapa.
A Real Academia Española da Lingua interveu en 1999 cunha observación sobre topónimos que logo se constituíu en referencia para os medios de comunicación menos proclives a abandonar o libro de estilo do franquismo. A recomendación académica vai frontalmente contra varias leis emanadas dos Estatutos e, polo tanto, contra disposicións aprobadas en sede parlamentaria. Recollemos e traducimos esta cita constitucional da Wikipedia: “os Estatutos serán a norma institucional básica de cada Comunidade Autónoma e o Estado recoñeceraos e ampararaos como parte integrante do seu ordenamento xurídico”. A actitude da Academia española estraña menos á vista das actitudes sostidas por parte de significados cargos que, incluso desde dentro do poder xudicial, alentan o incumprimento da Lei.
O lector galego maduro que se asome á Wikipedia na versión española lembrará de inmediato o tratamento que as autoridades da ditadura dispensaban á nosa toponimia. A pesar das polémicas -que chegaron a ser furiosas na fase inicial de redacción dos artigos-, ou precisamente debido a elas, os responsables da enciclopedia virtual blindaron o acceso coa finalidade de impedir que se respecten tanto as disposicións legais coma os principios básicos da filoloxía. A seguinte nota a rodapé intenta xustificar así cada unha das agresións contra os topónimos de Galicia: “Topónimo en castellano”, aseguran, “según la Real Academia Española: Ortografía de la lengua española. Madrid: Espasa, 1999 (…) páginas 133-155″.
A pesar da completa cita académica, calquera alumno matriculado na ESO podería preguntar cal é o criterio que se seguiu para a presunta “tradución” e remataría evidenciando que o único criterio posible é a ignorancia dos redactores, se cadra por nostalxia da vella toponimia fascista, convencidos de que “Mugía” é a forma castelá (?) de Muxía. Para a ocasión remiten a fontes diferentes da Academia.
