Basteira: Onomástica

Valdoviño, Avia, Avión, Avon

Stratford-upon-Avon. Clopton bridge

O libro “Atlas toponímico de España”, do profesor Jairo Javier García Sánchez, e actualmente profesor na Universidad de Alcalá, fala de Valdoviño deste xeito: “los viñedos no escasean tampoco en la toponimia de poblaciones, en especial de zonas vitivinícolas por excelencia como La Rioja y Ribera del Duero: La Vid, Viñas, Viñuela(s), Viñegra, Viniegra, Valdoviño; tenemos, además, Dalías (del árabe al-daliya “la vid”) o el curioso Torrelavit, forma que ha sustituido a Terrassola i Lavit”.


Valdoviño é un concello de A Coruña pertencente á comarca de Ferrol do que a Enciclopedia Galega Universal di que o topónimo “parece aludir á abundancia de vide ata o S. XIX cando a praga da filoxera acabou practicamente co seu cultivo”. Menos concluínte é a Enciclopedia Galega de Silverio Cañada, a cal, aínda facéndose eco da explicación anterior, tamén di que outros estudosos “opinan que provén do nome do rego que baña Aviño, é dicir, do Val do Aviño”. Xa que logo, temos un rego que parece dar nome ao pequeno lugar de Aviño, lugar que é a capital municipal do concello de Valdoviño.


Aviño non é un lugar excesivamente frecuente en Galicia, no buscador atopámolo só na parroquia de Cambre, en Malpica; e coa forma Aviñoá na parroquia de Proente, no concello de A Merca, en Ourense. Como parece ser o rego o que dá lugar ao nome de Aviño, no concello de Valdoviño, o primeiro que se pensa é que poida ter algo que ver coa forma prelatina “ab-“ indicadora de correntes fluviais seguida dunha forma flexiva. Que o nome do río acabe nomeando un val, é o que pensa Edelmiro Bascuas, no seu excelente traballo “Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia” no que nos di o seguinte: “… sería uno de tantos casos de ríos que terminan dando nombre al valle que riegan, como Valedouro, Valdoviño, Val do Dubra, Val Miñor, Valderas, Valduerna; es una tendencia que lleva incluso a usar la palabra valle como sinónimo de río: río Valcarce, rio Valdavia, río Valdediós…”


Volvendo a
Valdoviño, non parece un topónimo explicitamente documentado, xa que aparecen aínda máis opinións. Por exemplo Cabeza Quiles pensa tamén que poida vir da devandita corrente fluvial, aínda que propón, como outra posibilidade, que viñese dun nome persoal latinizado “Baldovinus, isto é Balduino”. Non é o único en ofrecer a posibilidade dunha orixe antroponímica, pois Julio Concepción Suárez, no seu “Diccionario etimológico de toponimia asturiana” e facendo referencia tamén a un AvínAviño da toponimia asturiana, non parece telo moi claro, e di que: “Abascal Palazón cita también el antropónimo latino Abinus, Abini” como orixe etimolóxica do topónimo asturiano.


Outros hidrónimos parecidos a
Aviño, existentes en Galicia, e que comparten presuntamente a mesma orixe céltica en (ab- abon ) xa citados no seu momento por Corominas en “Elementos prelatinos en las lenguas romances hispánicas”, son Avia e Avión, entre outros.


Como curiosidade, a algún que lea isto igual vénselle á cabeza o lugar de
Stratford-upon-Avon, no Reino Unido, lugar de nacemento de William Shakespeare. Pois si, o Avon é tamén un río coa mesma base da que estivemos a falar neste comentario. Consultemos o estupendo (e carísimo) libro “The Cambridge Dictionary of English Place-Names”, de Victor Watts, no que nos di que a base de Avon é ab- (auga, río) seguido do sufixo –ona, e fainos saber que esa mesma base aparece en ríos de moitos lugares de Europa: a área Báltica, Alemaña, etc. e se alguén queda con dúbidas sobre a outra parte do topónimo inglés, é dicir, Stratford… pois dicirlle que ven do inglés antigo straet-ford; o primeiro composto ven do latín “strata o segundo, “ford” significa o vao dun río. É dicir, sería o vao da estrada romana sobre o río Avon.

Podes seguir os comentarios a través de RSS 2.0