Basteira: Toponimia e Onomástica

Seimeira, Salime

                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                          Para moitos non son descoñecidas as formas galegas de denominar un salto de auga, seguramente todos coñecedes unha fervenza ou fervedoira. O dicionario de Ir Indo danos como sinónimos de fervenza os seguintes: abanqueiro, cachón, cadoiro, fecha, freixa e ruxidoira; mais se cadra, o nome de Seimeira para definir un salto de auga é probablemente menos coñecido. Lugares que levan ese nome hainos en Galicia e en Asturias. En Galicia temos unha Seimeira preciosa no concello de A Fonsagrada, chámase Seimeira de Vilagocende, ten uns cincuenta metros de altura, e é parte do leito do río Porteliña. Outra, digna de ver, está no lado asturiano, en Santa Eulalia de Oscos, preto do lugar de Pumares. En Asturias o occidente asturiano comparte o topónimo Seimeira, non así a parte central, onde reciben o nome de “tabayones”.

Para explicar a orixe do topónimo, temos evidencias de partida nas que tentaremos afondar. Como xa foi comentado, os lugares chamados así o son por teren un salto de auga, mais hai variantes destas formas, probablemente da mesma orixe. Así temos en Asturias o lugar de Grandas de Salime; e en Galicia temos varios lugares que Juan J. Moralejo, no seu “Callaica Nomina” saca a discusión, un deles é un hidrónimo Salime, tributario do Navia, na provincia de Lugo, e outro é un Salas afluente do Limia, en Ourense; para estes, dentro da base hidronímica xa coñecida *sal, atopa o problema de que debería ser posible a reconstrución dunha previa xeminación en *-ll . Noutros casos de hidrónimos con esa presunta base *sal atopa exemplos dun inicial Salabor que remataría evolucionando en Sabor (afluente do Douro), e varios afluentes máis: Saa, , Zas.

Sobre a dificultade de manter o /l/ intervocálico cando non existe un /ll/ etimolóxico, cuestión que presenta dúbidas para Moralejo, temos a opinión de Edelmiro Bascuas, quen admite que o mantemento do /l/ intervocálico é un feito constatable na toponimia galega de orixe prerromana, que ten difícil explicación pola caída dese /l/ no léxico común, pero que atribúe a unha pronuncia con énfase da mesma. Tamén nos fala Bascuas da raíz hidronímica *sal, que daría o Jalón ou o lugar de Salón, en Boborás, e tamén mantendo o /l/ intervocálico no río Salas, afluente do Limia. Perda de /l/ aparecerá en A Sionlla, por exemplo. O autor salientará logo a alternancia de perda e mantemento dese /l/ en varios lugares, como Seaia e Salaia, mais tamén no que hoxe nos ocupa, é dicir, dun *Salimine común dinos que aparece un Saime nos concellos de Brión e Baleira e un Salime no galego de Asturias. Aparte deste Salime de Asturias, lembremos que Moralejo, unhas liñas máis arriba, citaba un afluente do Navia Salime en territorio lucense. Esta raíz hidronímica ten toda a pinta de ser a responsable última das Saimeiras, Seimeiras, ou Salimes.

                                                              Julio Concepción, no caso asturiano, dinos o seguinte de Salime: “Una vez más, la abundancia de agua en toda la zona este del conceyu (hoy embalse de Salime), hace inclinarse por la citada raíz prerromana *sal- (agua). Lo puede confirmar la citada Salimera allandesa; evidente sufijo abundancial”.

Estes topónimos, referidos a saltos de auga, establécense na parte nororiental de Galicia e a súa área limítrofe asturiana.

  • Parabéns polo artigo. Só facer notar que:
    -a raíz *sal pode relacionarse coa raíz *sar, non sendo estraños os cambios de consoante en marxe silábica ou ao final de palabra entre dúas líquidas.
    -en canto a “Salas” non coñezo a documentación; en principio unha “sala” é un prado e de aí que ao evoluír cara á perda do “l” se desen as formas Saas, Sas e Zas, con ceceo (vid. Saavedra, Sasdónigas), que puideron transformarse en hidrónimos na época medieval. O “s” inicial tamén pode palatalizar en “x”, pero se cadra fose moito arriscar que o Xallas teña algunha relación etimolóxica co Salas, mais xa non serían o mesmo étimo dada a evolución.
    -Nota: Sar, Sarela, Sárdoma, etc. avalan a raíz *sar.

    Grazas por estas achegas e un saúdo.

Podes seguir os comentarios a través de RSS 2.0