Proxecto Toponimia de Galicia
Para qué serve a recompilación de nomes de lugar?
O valor dos topónimos, como me lembrou o equipo da Comisión (practicamente cada membro presente sacou a relucir un valor concreto), é múltiple. Por unha banda, temos o valor do mero feito de localizar as cousas e rexistralas para logo atopalas de xeito máis rápido e eficaz. Isto semella especialmente importante en situacións de emerxencia. Por exemplo: cando un helicóptero anda na procura dunha persoa perdida ou accidentada. Por outra banda, o propio labor dos historiadores, filólogos ou mesmo mestres e escritores precisa estar en contacto directo cunha fonte segura de nomes de lugar. “O estudo dos topónimos abre portas”, comentou Xermán García Cancela, secretario da Comisión, durante a visita ao SITGA, “e é especialmente útil para saber de onde vimos, que orixe temos e se contamos de certo cun pasado celta ou non, por exemplo”. Ademais, todos os integrantes do equipo cos que tivemos ocasión de falar coincidiron neste punto: o estudo da toponimia e a súa posta en valor na rede serve amais para sensibilizar. Esta palabra, que leva anos perdendo lustre a forza de ser usada en calquera ocasión polos políticos, fai referencia directa á necesidade de recuperar o que é propio para defendernos do que non o é. É dicir: defender que unha urbanización leve o nome do sitio no que se edifica (nomeado así por ducias de xeracións de galegos e galegas ao longo dos séculos) no canto do que lle pete á empresa inmobiliaria. Dito doutro xeito, e con independencia de que sexamos nacionalistas galegos ou non: é normal que un complexo residencial se chame en Galicia Costa do Levante podendo chamarse A Aira das Moreiras, por pór un exemplo?
En que consiste o traballo de campo?
O traballo de campo consiste en non deixar penedo, regato, agro, leira ou fonte sen documentar (sempre e cando teñan nome). Xa non se trata de rexistrar nomes de aldeas ou mesmo de casais (iso xa está feito): os traballadores de campo teñen liberdade para ser o máis exhaustivos posibles. Por tanto, trátase de tomar nota dun patrimonio de nomes que semella non ter límite e estar sempre vivo e disposto a achegar nova información. Con este fin, inclúese unha ficha cunha serie de recadros baleiros que se cubrirán con datos sobre o concello, a parroquia, o informante, a fonética do topónimo, as posibles variantes ou a natureza do lugar ou espazo a que alude o topónimo (entidades humanas, accidentes terrestres, etc). As fichas tamén inclúen un apartado de observacións xerais, onde se dá marxe para estenderse en cuestións como a etimoloxía popular. Logo desta tarefa de recompilación, que poderá ser máis ou menos dificultosa dependendo de se se traballa en zonas rurais poboadas (máis ardua) ou no monte (menos difícil por estar en menor medida nomeado), faise figurar a información en fotos aéreas (ortofotos), onde o persoal anota os nomes de lugar por números cunha serie de liñas ao seu arredor que delimitan a área de influencia. Cómpre salientar que previamente cada topónimo é obxecto dun proceso de depuración por parte da Ponencia de Estudos da Comisión de Toponimia, posto que non se poden rexistrar en bruto, suxeitos como están a posibles variantes. Esta é unha das partes principais do traballo, a normalización, xa que hai ter en conta que se teñen dado casos coma o dunha zona concreta de Arteixo, onde se atoparon até 21 variantes dun mesmo nome de lugar. Ou sexa: practicamente cada familia designaba unha mesma cousa dun xeito diferente.
Iniciativa contra reloxo: que pasará cando a Galicia rural quede despoboada? O equipo do Proxecto Toponimia ten algúns “inimigos” que fan que o seu traballo sexa, por dicilo dalgún xeito, un traballo contra reloxo. É dicir: no proceso de desmemoria e de degradación da nosa natureza e do noso patrimonio cultural, Galicia (e xa que falamos dende un medio de comunicación de novas tecnoloxías) é coma unha gran base de datos que paseniño pero sen pausa vai sendo testemuña da perda dos seus arquivos, das súas propias lembranzas. E todo isto por mor de dúas bestas negras que actúan ironicamente dende extremos opostos: por unha banda, o despoboamento imparable de extensas zonas rurais das catro provincias (sobre todo Ourense e Lugo) con toda a perda irreparable de información que iso comporta; pola outra, o proceso de urbanización e industrialización intensiva doutras zonas. Por tanto, é natural supoñer que hai unha boa listaxe de concellos de Galicia onde o traballo da Comisión é especialmente necesario (de feito, durante a visita á sede de traballo comentáronme que había moi pouco que recibiran un chamado urxente do alcalde da Fonsagrada, preocupado polo despoboamento que está a sufrir o municipio e pola perda irremprazable de riqueza toponímica que ese proceso demográfico levará consigo).
Galicia ten unha media de 40 topónimos por quilómetro cadrado
O pobo galego, tan intimamente cinguido durante séculos á súa terra, foi especialmente prolífico e xeneroso no que se refire a poñerlle nomes aos lugares onde nacía, medraba e logo morría. O labor de rexistro de toponimia en Galicia é probablemente máis arduo ca en calquera outro recuncho da Península. Neste senso, a Comisión ten establecida unha media sobre o número de topónimos rexistrados por quilómetro cadrado: 40. Esta cifra, como é de supoñer, vén sendo relativa, posto que non é o mesmo elaborar rexistros nas aldeas rodeadas de agros ca nos montes. Sexa como sexa, hai zonas especialmente ricas, como por exemplo Oia, onde os mapas acaban literalmente comestos polos números referidos aos nomes de lugar. Por certo que na costa galega a Comisión documenta até o que está alén da beira do mar: até as leiras que os mariscadores teñen nas mesmas rías!
(Sacado da web Código Cero)
