Basteira: Toponimia. Antroponimia

Pereira, Pereiro, Peirao, Peiral

  

   Pereiro. ¿É como parece un topónimo que nos fala dunha árbore, malia estar en masculino… ou é outra cousa? Eligio Rivas, no seu libro “Natureza, toponimia e fala” contempla as dúas posibilidades, masculino e feminino. Mais coloca o topónimo feminino no apartado adicado ás árbores e o masculino no adicado á terra, onde se fala de topónimos relacionados coa orografía. O autor non ten dúbida en definir o topónimo Pereiro como o resultado da evolución do latín petrariu, explicando que o resultado final do topónimo prodúcese ao palatalizar o -t- intervocálico e posteriormente desaparecer o -d- ao perder relevancia a causa da súa situación implosiva. Xa que logo, este topónimo tería, na meirande parte dos casos, a súa orixe na palabra latina petra, aínda que non desbota que nalgún caso se refiran á “pereira brava” abondosa en Galicia.

    Para Gonzalo Navaza, no seu premiado libro “Fitotoponimia galega”, os topónimos derivados de piraria, pirariu son numerosísimos, e poden presentar homofonía cos derivados de petra. Así di que Pereira e Pereiro poden ser, nalgún caso, variantes alternativas de Pedreira e Pedreiro. Opina que só a documentación antiga pode dilucidar a orixe real, en cada caso, dos devanditos topónimos, aínda que cre que a orixe da maioría deles debe ser fitonímica. Mesmo nos di que o diminutivo –ola produce varias variantes do topónimo, como son: Pereiroa, Pereirúa, Pereiruga e Pereiró. Fago notar esta referencia a diminutivos na fitotoponimia, porque o profesor portugués A. de Almeida, (autor do libro “Toponimia portuguesa, exame a un dicionàrio”), no cal se critican erros nos estudos do lingüista portugués Machado, dinos que o devandito autor, Machado, atribúe de xeito xenérico a Pereira o significado de “árvore das peras” cando el pensa que se debe falar máis ben de lugar abondoso en rochas.

    Ademais critica esa referencia á árbore froiteira nos casos de Pereirinha, Pereirinho, Pereiró atribuídos á árbore pereirola, porque: “as árvores pequenas cresciam e não durando como pequenas, não garantiam o topónimo” polo cal conclúe que deben ser atribuídas a “aglomerados rochosos”. Para non estendermos moito máis nisto, é necesario facer constar que os diminutivos en fitotoponimia non son estraños, (O Carballiño, Salgueiriños, O Castiñeiriño…) E que dilucidar a orixe exacta de cada topónimo, no caso dos comentados Pereira e Pereiro, fai necesario, como adoita ser habitual, consultar a documentación antiga. O latín petra tamén nos dá o topónimo Peirao, a través de petranu, palabra que hoxe o dicionario define como plataforma alongada que serve para facilitar o embarque e desembarque de transportes e mercancías; aínda que noutros tempos era o lugar onde atracaban os barcos, e que tiña o seu emprazamento en zonas pedrosas, na beiramar. A mesma evolución segue Peiral, o pedregal ou pedral (de petra con sufixo abundancial -ale) que dá nome a unha praia de Cariño, na Coruña, nunha cala escondida que é lugar de baño habitual dos seus veciños. A foto que dá introdución a estas letras é boa proba do porqué do seu nome.

 

Podes seguir os comentarios a través de RSS 2.0