Basteira: Onomástica

Camba, Cambre, Cambados, Cambridge

cambados

O que poña no buscador de topónimos o vocábulo camb, obterá unha boa cantidade de resultados. Moitos coñecidos, como Cambados ou Cambre; outros algo menos, como Cambariña, Cambela, Cambeses, Cambeda, Camba, Cambadas, Cambeiro, Cambelas, Cambás, Portocamba, Cambicia, Cambeo, e mesmo un río de Camba. Estamos a falar dun topónimo de case segura orixe céltica, en calquera caso indoeuropeo sen dúbida, así que pódesenos ocorrer algún lugar onde poida haber outro de similar orixe. Un dos que nos virá primeiro á cabeza é o lugar de Cambridge, (ponte sobre o río Cam), e se miramos no Cambridge Dictionary of English Place-Names, atoparemos o seguinte sobre Cam : “…the river name is not so early evidenced… but probably represents primitive Welsh *camm (british *cambo, crooked). The stream has a winding course”. É dicir, temos un río con moitos meandros, curvado. Este dicionario, ademais, tamén reflicte unha forma no inglés antigo *camb que dá o topónimo inglés Cambo. E non é esta a única forma, tamén outros topónimos ingleses teñen a súa raíz no vocábulo *cambo, con variantes no galés *camas, *camais; irlandés *cambas; ou o irlandés antigo *cammas (baía). Para abondar máis, este dicionario fala dun río Camel co significado de río con moitas curvas, e non é o único exemplo que pon, polo que temos tamén o que parece ser unha base bastante produtiva na área británica.

E, se unha base toponímica de orixe celta está nas Illas Británicas, o normal é que tamén apareza en Francia. Dauzat relaciona varios topónimos franceses sobre compostos do galo *cambo (curvo), como Chambezon, de *cambo e *dunum (cuíña), con cambio de final; Chambon… Dauzat tamén menciona varios lugares achegados a ríos, formados sobre “*cambo- , courbe (de rivière)”; como Camon ou Cambo-les Bains. Unha explicación moi semellante á que se dá máis abaixo sobre Cambres, témola en Francia co topónimo Cambronne, do que se di: “Camberona, vers 1020, du gaul. *cambo, courbe et –ar- , suff. ou hydronyme pré-indo-eur. et gaul. –onna , rivière”

Por suposto, formas semellantes aparecen tamén en Portugal, onde se fala dun prerromano *cam, *camb– topográfico, que significaría elevacións redondeadas, así, fanse provir de aí os lugares, entre outros, de Cambada, Cambado, Cambeses (repítese o de Galicia, o sufixo denota a orixe dos habitantes, que virían dun lugar chamado Camba) e mesmo de Cambres, que Almeida relaciona con Cambaras, do prerromano *camb curva e *ar(a) auga. A súa evolución sería: *Cambaras> *Cambras > *Cambres. Moralejo tamén falará do Cambre galego, (Calambre no S. X.) do que di que ben puidera relacionarse co antigo Calambrio/bria da Galia.

Segura Munguía, no seu “Diccionario por raíces del latín” fala de cambaae como pata dos cabalos, pide que se compare co grego kampé, (curva) e relaciona canga, (xugo) como probablemente do celta *cambica (madeira curva). O dicionario da RAE tamén fala de canga, na súa etimoloxía, como: (Del celta *cambica, madera curva, der. de *cambos, curvo; cf. galés kamek). No castelán tamén se refire gamba, (pierna) como provinte do latino camba, do que Corominas comenta o seguinte, en contraposición a Segura: “…suele mirarse como tomado del griego… , origen que debe revisarse, acaso a favor del céltico, atendiendo a la fecha tardía del cambio griego de –mp en –mb…” “…si el sentido etimológico fuese miembro curvo, curvatura, y el vocablo fuese idéntico a la cama del arado el céltico ofrecería una buena base con *camba, (curvatura)”.

Blanca Prósper tamén relaciona o radical *comb cun indoeuropeo *(s)kemb- curvo, como mencionara Pokorny, e atópao xeralizado no antigo irlandés *camb (curvado); galo Cambión (torcido); hidrónimo Cambio- ; tamén como probable o galego-asturiano canga (xugo); e cunha forma céltica *camb que dá varios topónimos e hidrónimos en Galicia e Portugal, e mesmo un río Cambilla en Cantabria.

En Galicia tamén temos opinións que coinciden co xa falado. Moralejo fala de Camba como dun hidrónimo do que se poden poñer varios exemplos, e Cabeza tamén relaciona toda esa cantidade de topónimos, e outros como Cambás, Cambada, con ese radical céltico *camb- (curva, cousa curva).

Xa remato, nos dicionarios históricos do galego aparecen definicións que poden ser, tamén, ilustrativas. No de Pintos: “pieza curva lateral del carro”, acepción que se repite en moitos outros; o máis explícito é o de Carré: “Cada una de las dos piezas curvas de madera que forman, con el milde, las ruedas de los carros del país”. A sabedoría popular sacará un dito no dicionario de Elixio: “es máis torto cas cambas do carro”. Hai outra denominación curiosa, chámase cambado a aquel que ten as pernas torcidas, formando arco, denominación que aparece en moitos dicionarios históricos.

Mera, Meira, Miera

Mera-ortigueira

Lugares chamados así, hainos no concello de Arzúa (Os Muiños da Mera);  no das Pontes (Trambasmeras); nos de Covelo, Navia de Suarna, Oleiros, Silleda, Lugo e Ortigueira. É o nome de varios ríos e afluentes (en concreto o río Mera, en Ortigueira, bautiza os lugares de Mera de Riba e Mera de Baixo); como ríos de certa entidade temos o antes mencionado, que nace no Alto do Caxado  e morre na ría de Ortigueira, e un que nace no Cordal de Chao, na parroquia de Santalla de Bóveda de Mera (Lugo) e desemboca, con outro nome, no Miño. É mesmo un apelido, que tivo casa patrucial, segundo a Enciclopedia Galega, nas Torres de Meira (Pontevedra), e en Vilamaior de Negral (Guntín, Lugo).  Este nome de lugar, que como xa levamos observado ten relación directa coa auga, deu nome, por último, a un mosteiro, o de San Xoán de Mera, que estaba na vila de Cuarto, no Val de Mera (Lugo).

Na fala ten presenza recollida en varios dicionarios, moitos coincidentes en resaltar, sobre outros, o significado de néboa moi húmida, que chega a facer dano ás colleitas. Segundo o dicionario de Eladio Rodríguez: “Distínguese la mera de la brétema en que es generalmente más húmeda, más espesa y anda más a ras de tierra, por eso se la considera más dañina” e danos un exemplo da sabedoría popular neste dito:  “A mera no San Xoán, leva o viño e máis o pan”. Nalgún dicionario aparece mesmo co significado de chuvia débil.

A orixe preindoeuropea do que foi inicialmente un hidrónimo, derivado da base con significado relacionado con auga *m´r (con alternancia vocal no interior), tivo aínda máis fortuna, dando nomes de lugar de xeito especial na toponimia galega e asturiana. Así, en Galicia, ademais da forma Trambasmeras (entrambasmeras), e que recorda a construción doutro nome de lugar, como é Ambosores , que foi mencionado noutro artigo, temos lugares como Meira, Meiro, o río Mero, que pasa por Betanzos, outro río Meiral no Barco de Valdeorras, e varios outros que probablemente teñan a mesma orixe na referida base preindoeuropea, como Meiro ou Meire.

No caso asturiano, aparecen tamén varios ríos con nome Mera ou parecido, como o río Meirúa. Para o río Mera, Julio Concepción fala da posibilidade de que a orixe fora o adxectivo latino mera (limpo, transparente) aplicado a un río pola limpeza das súas augas, aínda que recoñece que se ese fora o caso, o vocábulo tería que ditongar. No caso de Mieres acepta unha raíz prerromana *mer-, *mar- (auga); disque presente en lugares “con nombres parecidos y con arroyos o fuentes”.

Na miña opinión, a relación dos lugares mencionados coa base antedita, e que fai referencia sobre todo a hidrónimos ou a lugares que collen a denominación partindo dun hidrónimo, é evidente. O número de casos nos que aparecen variantes sobre esa base en lugares con presenza de auga, como ríos e fontes, é relevante especialmente no norte da península, e teñen a recorrencia suficiente para seren tomados en consideración.

Os ríos Mera, Miera, seguen o seu camiño ao leste. En Cantabria o río Miera desemboca no Mar Cantábrico despois de percorrer todo o Valle del Miera, ao que lle dá nome.

Sala, Zas, Salamonde, Salouzáns

salouzans1
Un amable lector, deixou un comentario na entrada Seimeira, Salime. No seu comentario di que a raíz *sal podía ter relación coa raíz *sar, e ten toda a razón, efectivamente é un fenómeno coñecido a alternancia entre as consoantes líquidas /l/ e /r/ a final de palabra; e xa en artigos anteriores poñía exemplos de hidronimia con base *sar. Como ben se di, esa base aparece nos ríos Sar, Sor, no lugar Ambosores e un longo etcétera.

Mais aínda que a base *sal *salia dese, chegado o caso, ríos en Salas, hai toponimia homónima derivada dunha raíz ben diferente á base da que estábamos a falar. Esa toponimia ten a súa orixe no vocábulo gótico sala que Nieto Ballester, no seu Diccionario de Topónimos Españoles, relaciona con “caserío, quinta”. Para este autor, este topónimo é especialmente frecuente en Galicia, onde toma formas como Saavedra (sala vetera), Zas (que ten a súa orixe nun proceso de falsa corrección por ser área de ceceo) ou Sas . Mais o topónimo non é exclusivo de Galicia, é tamén frecuente, como relata Corominas no DCECH, na toponimia catalana, moito máis que na área aragonesa e moitísimo máis que na de Castela, malia termos alí un Salas de los Infantes. Corominas dubida se ese vocábulo chega directamente polo gótico ou se chega por medio do catalán ou do galo-románico, mais fai notar que a segunda posibilidade está avalada pola conservación do /l/ no portugués sala. En calquera caso menciona os Sáa como especialmente frecuentes na onomástica e toponimia portuguesa. Especialmente interesante é a cita que fai Corominas da frase: “todos son dunha sá” (camada, cuadrilla) que era como dicir dunha mesma casa soarega, e cita: “luego sembradura, siembra, hablando de las varias sementeras de un mismo año estos guisantes son da primeira sá sentido que recolle, tamén, a obra “Diccionario de Diccionarios”; concretamente os de Elixio Rivas, Eladio Rodríguez  e Franco Grande.

Cabeza tamén dálle a sala o significado de “casa dunha soa habitación ou habitáculo pechado con paredes” e tamén aporta topónimos europeos do mesmo significado. Este autor, pensa que este tipo de topónimos deben facer referencia a grandes granxas agrícolas do período suevo, así As Saíñas serían granxas de dimensións máis reducidas. Concepción, no caso asturiano, opina que estes lugares, no caso de que non veñan da mencionada base hidronímica, designarían lugares habitados, máis ben chans, con algún tipo de explotación agrícola sobre o leito dun río, tal vez aplicado a un casarío ou finca orixinaria. Seguindo coas posibles variantes na toponimia que teñen a primeira parte en sala, atopamos varios pobos que non teñen que ver con ningún dos supostos anteriores, así, dun nome gótico Salamirus (composto polo gótico *sal(a)- “sala, corte” e –mirus do gótico mêreis, “famoso”); temos os topónimos Salamir en Asturias, ou os galegos Saamil, Samil. Dun presunto Salamundus teríamos Salamonde, o problema é que ese Salamundus non está documentado como antropónimo; podería ser Sallamonde para explicar que se manteña o /l/ intervocálico, mais entón teríamos o problema de Samonde, que Piel fai derivar do mesmo posible Salamundus. O profesor portugués Almeida, di o seguinte sobre isto:

“… Salamundus… explicando o -l- pela influencia do hipocorismo Sallo, com geminação regular do -l-. Não se compreende Piel: se o elemento deixou de funcionar en hipocorístico ou vocábulo simples (sua raíz, afinal), como é que o –l-, geminado, continuava a sê-lo?. A questão é muito outra: a origen deste topónimo não está em tal n. pessoal, mas en Sendamundus ou Sonamundus … Baste-nos atender à documentação do caso do c. Vieira: do séc. XI para o XII, Sendamondi = 1220 Sanamundi = 1258 Senamundi = 1400 Sanamundi = 1528 Sallamonde (com –ll- por –l-)”.

Por último, dun nome latino Avitus, que cita Boullón Agrelo no seu libro Antroponimia Medieval Galega, temos un Avitianus moi estendido na península, e que na súa forma Sala Auizanis dará nome a un lugar do concello de A Estrada, Salouzáns.

Non din atopado o significado de “prado” para sala ao que se refire o amable lector. De calquera xeito, quen queira un extenso estudo sobre o tema do topónimo en sala, ten un excelente artigo nunha páxina que me tomo a liberdade de enlazar Fror na area

Galicia, Galiza, Cantabria

galiza1

Para os romanos, os habitantes do noroeste peninsular tiñan un nome: callaicos, pois así foran denominados por Estrabón. A orixe desta denominación foi administrativa, para definir unha nova provincia da Hispania Citerior ao norte da Lusitania. Os callaicos non eran a única etnia da Callaecia, mais foi a etnia que lle deu nome ao territorio que en época de Augusto integraban os conventos de Lucus Augusti e Bracara Augusta, e que sería máis tarde a provincia que Diocleciano, no ano 305 d. de C. crearía cos conventos Asturum, Bracarum, Lucensis e parte do Cluniensis.

Parte da antiga provincia romana é hoxe un país dotado de autonomía, e que ten como nome de uso oficial e administrativo Galicia, mais tamén se acepta o termo Galiza como unha forma patrimonial na chamada normativa da concordia, elaborada no ano 2003, e que di o seguinte: “Teñen terminación -cia, entre outros, acacia, audacia, avaricia, contumacia, delicia, eficacia, falacia, farmacia, ictericia, impericia, inmundicia, malicia, milicia, noticia, pericia, perspicacia, pertinacia, suspicacia, etc. Entre estas palabras está Galicia, voz lexítima galega, denominación oficial do país e maioritaria na expresión oral e escrita moderna. Galiza é tamén unha forma lexitimamente galega, amplamente documentada na época medieval, que foi recuperada no galego contemporáneo.” No ano 2008 a RAG ditaminou que a forma Galiza era correcta, mais Galicia era a forma oficial.


O primeiro que chama a atención do topónimo
Galicia, é que na denominación en castelán non se manteña o /ll/ latino, como mandaría a súa evolución, é dicir, o castelán asume, tamén, a evolución da forma galega en /l/, e nas dúas linguas triunfará a forma galega de Galicia.
Ferro Ruibal fai unha análise moi interesante no libro da Fundación Barrié adicado á memoria de Tato Plaza. A primeira información que temos do topónimo é, evidentemente, de textos latinos que en
Galicia dan as seguintes formas por orde de aparición: Gallecia, Gallicia, Galicia, Galizia, Galliza, Galiza. Entre as dúas formas hoxe en debate, a que aparece primeiro é Galicia, nun documento en Xubia no ano 1093, Galiza aparecerá, por primeira vez, no ano 1247. Na área castelá as formas que se rexistran son tres: Gallecia, Gallicia e Galicia. De Gallicia, Ferro atopa 82 ocorrencias no CORDE no século XIII, e 24 no século XIV, século no que esta forma desaparece. De Gallizia o CORDE ofrece 1391 textos no século XIII, 107 no XIV, 2219 no XV, e só 3 no XVI.


En canto á introdución da forma galega de
Galicia no castelán, o CORDE atopará 30 casos no XIII, só dous no XIV, polo menos 38 no XV, e despois irá en aumento ata ser a única empregada no XVIII. A outra variante galega no castelán Galizia ten presenza do século XIII ao XVII e, por último, a forma Galiza ten incidencia no castelán do século XIII con 3 ocorrencias no CORDE. As formas castelás (Gallicia, Gallizia e Galliza), como explica Ferro, mantendo /ll/ como forma fonética propia da evolución no castelán, están documentadas, como acabamos de mencionar, e teñen forma maioritaria dende o século XIII ata o XV; mais tamén é certo que coexistían coas formas en /l/ aínda que estas foran minoritarias. En todo caso, a partir do S. XVI, no que só se documentan 3 casos de formas en /ll/, estas desaparecen radicalmente da área de lingua castelá. Hoxe pódese afirmar que a forma Galicia é un préstamo do galego ao castelán, que por algunha razón resultou ser a forma predominante nesa lingua.


No referente ao significado orixinario do étimo que denominaba aos
callaicos ou callaecus e que veu en dar na Callaecia latina, son varios os autores que estiman que a forma orixinaria ben puidera ter tido como base o prerromano *kal– que co significado de elevación rochosa ou montaña designaría aos pobos que vivían nas montañas, posiblemente na área de Peneda-Gerês e que provirían orixinariamente da área norte do Douro. Desa base *kal– falan Cabeza Quiles, Elixio Rivas ou Juan J. Moralejo. Como curiosidade, non está de máis comentar que a denominación do noso país, aceptando o que din os autores mencionados referente a un pobo que habitaba na montaña, ten similitudes coa explicación que se da do topónimo Cantabria e que se relaciona co significado de: “ xente que habita nos montes, montañeses”. Cantabria ten un unha base *cant– que significa pedra, de orixe celta ou pre-celta ben coñecida por dar numerosos topónimos na península que designan áreas rochosas ou abruptas (na mesma área de Cantabria temos Candiano, Candenosa, Gándara…) e que tamén tivo fortuna como responsable de familia léxica en palabras como canto, canteira, acantilado. De canto dinos Corominas, no seu monumental Diccionario Crítico Etimológico o seguinte: “piedra, especialmente la empleada en construcción, o la suelta y redondeada a fuerza de rodar a impulso de las aguas”, de una raíz común a los tres romances hispánicos, de origen incierto, probablemente prerromano, y es verosímil que sea céltico”.

Seimeira, Salime

Para moitos non son descoñecidas as formas galegas de denominar un salto de auga, seguramente todos coñecedes unha fervenza ou fervedoira. O dicionario de Ir Indo danos como sinónimos de fervenza os seguintes: abanqueiro, cachón, cadoiro, fecha, freixa e ruxidoira; mais se cadra, o nome de Seimeira para definir un salto de auga é probablemente menos coñecido. Lugares que levan ese nome hainos en Galicia e en Asturias. En Galicia temos unha Seimeira preciosa no concello de A Fonsagrada, chámase Seimeira de Vilagocende, ten uns cincuenta metros de altura, e é parte do leito do río Porteliña. Outra, digna de ver, está no lado asturiano, en Santa Eulalia de Oscos, preto do lugar de Pumares. En Asturias o occidente asturiano comparte o topónimo Seimeira, non así a parte central, onde reciben o nome de “tabayones”.

Para explicar a orixe do topónimo, temos evidencias de partida nas que tentaremos afondar. Como xa foi comentado, os lugares chamados así o son por teren un salto de auga, mais hai variantes destas formas, probablemente da mesma orixe. Así temos en Asturias o lugar de Grandas de Salime; e en Galicia temos varios lugares que Juan J. Moralejo, no seu “Callaica Nomina” saca a discusión, un deles é un hidrónimo Salime, tributario do Navia, na provincia de Lugo, e outro é un Salas afluente do Limia, en Ourense; para estes, dentro da base hidronímica xa coñecida *sal, atopa o problema de que debería ser posible a reconstrución dunha previa xeminación en *-ll . Noutros casos de hidrónimos con esa presunta base *sal atopa exemplos dun inicial Salabor que remataría evolucionando en Sabor (afluente do Douro), e varios afluentes máis: Saa, , Zas.

Sobre a dificultade de manter o /l/ intervocálico cando non existe un /ll/ etimolóxico, cuestión que presenta dúbidas para Moralejo, temos a opinión de Edelmiro Bascuas, quen admite que o mantemento do /l/ intervocálico é un feito constatable na toponimia galega de orixe prerromana, que ten difícil explicación pola caída dese /l/ no léxico común, pero que atribúe a unha pronuncia con énfase da mesma. Tamén nos fala Bascuas da raíz hidronímica *sal, que daría o Jalón ou o lugar de Salón, en Boborás, e tamén mantendo o /l/ intervocálico no río Salas, afluente do Limia. Perda de /l/ aparecerá en A Sionlla, por exemplo. O autor salientará logo a alternancia de perda e mantemento dese /l/ en varios lugares, como Seaia e Salaia, mais tamén no que hoxe nos ocupa, é dicir, dun *Salimine común dinos que aparece un Saime nos concellos de Brión e Baleira e un Salime no galego de Asturias. Aparte deste Salime de Asturias, lembremos que Moralejo, unhas liñas máis arriba, citaba un afluente do Navia Salime en territorio lucense. Esta raíz hidronímica ten toda a pinta de ser a responsable última das Saimeiras, Seimeiras, ou Salimes.

Julio Concepción, no caso asturiano, dinos o seguinte de Salime: “Una vez más, la abundancia de agua en toda la zona este del conceyu (hoy embalse de Salime), hace inclinarse por la citada raíz prerromana *sal– (agua). Lo puede confirmar la citada Salimera allandesa; evidente sufijo abundancial”.

Estes topónimos, referidos a saltos de auga, establécense na parte nororiental de Galicia e a súa área limítrofe asturiana.

Praia de Arnela

   Un xeito rápido de consultar a orixe deste topónimo é buscar no dicionario. Por exemplo no de Ir Indo aparece o seguinte: “s. f. Praia situada nunha costa aberta, metida entre dous montes e na que xeralmente desemboca un río ou rego”. Ata o de agora todo correcto, eu coñezo unha praia preto da localidade de Sada, que podedes ver na segunda foto deste artigo, chamada Arnela, na que efectivamente remata un rego a xeito de pequena fervenza. A praia está rodeada de lugares altos aínda que non se pode dicir que a súa localización sexa de mar aberto. A pregunta que segue, ten a súa orixe na explicación que dá o devandito dicionario deste étimo, pois faino provir do latín *arenella. Xa que logo, a natureza deste topónimo tería máis que ver co vocábulo area que con outra cousa. ¿É isto sempre así?


   Son abondosas as referencias que falan de *arn
como unha raíz hidronímica de orixe paleoeuropea, non só no espazo galego senón tamén no europeo. Podemos comezar mesmo por D. Elixio Rivas, no seu libro “Lingua galega, niveis primitivos”, que relaciona a base *arn cunha orixe en tema *ar -auga corrente-; e no apartado adicado en concreto á base *arn ofrécenos varios exemplos de ríos galegos coa citada base etimolóxica, a saber: Arnoia, varios Arno, Arnego, un regueiro chamado Arnelas; o portugués río Arnal; o palentino Vallarna; o Arnauri en Vizcaya, e outro Arno en Guipúzcoa; os Arn, Arne, Arnas, Arnon, Arnos, Arnave, Arnette franceses; os italianos Arno e Arnaro; o suizo Arnon; os alemáns Arne e Ernbach; os irlandeses Arney e Erne… e mesmo un Arnon en Palestina. Ademais constata unha alternancia en *or para a que segue poñendo exemplos.


   Moralejo Lasso, no seu “Toponimia gallega y leonesa” faise eco da existencia dunha base hidronímica *arna
-leito escavado dun río- para o que cita varios ríos europeos, moitos xa mencionados no parágrafo anterior. Pensa que esa base mencionada ten unha orixe ilirio-ligur, mais tamén fai notar a presenza doutro grupo de topónimos, como Arnelas ou Arnoso “cuyo origen es arena”. E Bascuas contempla esa base *arn como raíz hidronímica paleoeuropea no seu ”Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, Verba, Anexo 51”.

 

   E moi completo é o estudo que desenvolve Cabeza Quiles en “Toponimia de Galicia”, no que di que *arna referiríase ao espazo físico de “concavidade, caixa ou leito dun río” que por extensión podería dar lugar a nomear correntes fluviais, o que levaría a varios investigadores “a relacionar a citada base *arna co significado de auga”. Da mesma opinión nos di Cabeza que é o profesor italiano G. Devoto, na súa “Storia della lingua di Roma”, onde lle da o significado de“leito escavado por un río ou polo mar”, para o que pon exemplos en Italia, preferentemente de nomes de ríos como Arnasco, Arnaz, Arnoz ou Arno. Cabeza tamén se para no topónimo Arnela, do que di que “dá nome a praias situadas entre dous montes nas que sempre desemboca unha pequena corrente de auga”

   Tamén é interesante citar o libro de Julio Concepción “ Diccionario etimológico de toponimia asturiana”, que na voz Arnaedu di o seguinte: “a juzgar por el prefijo abundancial edo, se podría pensar en los arnos, arnas, arnios…, del posible indoeuropeo *aro-na -corteza cilíndrica- latinizado…” (neste aspecto é necesario destacar que o dicionario de galego de Franco Grande define arnela, entre outras acepcións, como –corteza de árbol seca, que se usaba para alumbrar-)  así, hai quen pensa que a forma cóncava da cortiza tamén podería dar idea da morfoloxía que teñen as praias que levan este topónimo). Segue Concepción dicindo que: “en otros casos, la presencia de regueros, fuentes y riegas, delatan una raíz prerromana *arn-a (agua, río). O arena, sin más…” logo, engade que este campo é abundante en toda a hidronimia europea, para o que pon varios exemplos, moitos xa mencionados, e entre eles varios franceses.
O que opinan os franceses sobre os seus aparece no libro de Rostaing “Dictionnaire étymologique des noms de rivières et de montagnes en France”, onde son interpretados a partir da raíz preindoeuropea *-ar
(curso de auga); e os portugueses, por medio de Almeida, tamén falan dun posible termo prerromano *arn (concavidade), que como depresión xeográfica explicaría o topónimo Arnas.


   O debate parece estar claramente definido entre quen pensa que a orixe prerromana indicaría unha corrente de auga, e entre quen pensa que o que se quere definir é unha forma orográfica, ben como unha depresión ou ben como o leito dun río.
Aínda tendo en conta todo isto, non se pode desbotar que algunha das praias chamadas Arnela
teñan a súa orixe toponímica nun sinxelo diminutivo latino arenella.