Basteira: Onomástica

Mera, Meira, Miera

Mera-ortigueira

Lugares chamados así, hainos no concello de Arzúa (Os Muiños da Mera);  no das Pontes (Trambasmeras); nos de Covelo, Navia de Suarna, Oleiros, Silleda, Lugo e Ortigueira. É o nome de varios ríos e afluentes (en concreto o río Mera, en Ortigueira, bautiza os lugares de Mera de Riba e Mera de Baixo); como ríos de certa entidade temos o antes mencionado, que nace no Alto do Caxado  e morre na ría de Ortigueira, e un que nace no Cordal de Chao, na parroquia de Santalla de Bóveda de Mera (Lugo) e desemboca, con outro nome, no Miño. É mesmo un apelido, que tivo casa patrucial, segundo a Enciclopedia Galega, nas Torres de Meira (Pontevedra), e en Vilamaior de Negral (Guntín, Lugo).  Este nome de lugar, que como xa levamos observado ten relación directa coa auga, deu nome, por último, a un mosteiro, o de San Xoán de Mera, que estaba na vila de Cuarto, no Val de Mera (Lugo).

Na fala ten presenza recollida en varios dicionarios, moitos coincidentes en resaltar, sobre outros, o significado de néboa moi húmida, que chega a facer dano ás colleitas. Segundo o dicionario de Eladio Rodríguez: “Distínguese la mera de la brétema en que es generalmente más húmeda, más espesa y anda más a ras de tierra, por eso se la considera más dañina” e danos un exemplo da sabedoría popular neste dito:  “A mera no San Xoán, leva o viño e máis o pan”. Nalgún dicionario aparece mesmo co significado de chuvia débil.

A orixe preindoeuropea do que foi inicialmente un hidrónimo, derivado da base con significado relacionado con auga *m´r (con alternancia vocal no interior), tivo aínda máis fortuna, dando nomes de lugar de xeito especial na toponimia galega e asturiana. Así, en Galicia, ademais da forma Trambasmeras (entrambasmeras), e que recorda a construción doutro nome de lugar, como é Ambosores , que foi mencionado noutro artigo, temos lugares como Meira, Meiro, o río Mero, que pasa por Betanzos, outro río Meiral no Barco de Valdeorras, e varios outros que probablemente teñan a mesma orixe na referida base preindoeuropea, como Meiro ou Meire.

No caso asturiano, aparecen tamén varios ríos con nome Mera ou parecido, como o río Meirúa. Para o río Mera, Julio Concepción fala da posibilidade de que a orixe fora o adxectivo latino mera (limpo, transparente) aplicado a un río pola limpeza das súas augas, aínda que recoñece que se ese fora o caso, o vocábulo tería que ditongar. No caso de Mieres acepta unha raíz prerromana *mer-, *mar- (auga); disque presente en lugares “con nombres parecidos y con arroyos o fuentes”.

Na miña opinión, a relación dos lugares mencionados coa base antedita, e que fai referencia sobre todo a hidrónimos ou a lugares que collen a denominación partindo dun hidrónimo, é evidente. O número de casos nos que aparecen variantes sobre esa base en lugares con presenza de auga, como ríos e fontes, é relevante especialmente no norte da península, e teñen a recorrencia suficiente para seren tomados en consideración.

Os ríos Mera, Miera, seguen o seu camiño ao leste. En Cantabria o río Miera desemboca no Mar Cantábrico despois de percorrer todo o Valle del Miera, ao que lle dá nome.

Podes seguir os comentarios a través de RSS 2.0