Basteira: Onomástica

Mallos, Malpica, Penamoa

Mallos de Rigla

Os topónimos que teñen a raíz *mal-, *mel-, *mala- , teñen presenza non só en Galicia, senón tamén noutras áreas da Península Ibérica e europeas. Este composto, que parece ter como significado orixinario o de “subir, aparecer, destacar, saír“. Non só dá nome a moitos ríos paleo-europeos, senón tamén a picos, rochas, ou lugares elevados. No caso galego poderíamos citar varios exemplos destes dous significados. No referente a ríos, a presenza de varios deles con nomes como Amalló, Malvela, Malaxe, Malagón ou Malo; unha fonte Malla en Pontevedra, un regato da Malata en A Coruña, e un lugar que tamén ten a súa orixe na raíz *mel- como é Romelle, documentado antigamente como “flumen Melle” “riu qui discurrit de Riomelli”… e fora da nosa área un río Mala en Navarra, o torrente de Malany en Girona… e moitos máis espallados pola xeografía peninsular. Hai un río Maluro, coincidente en nome co pico Maluro, de 1.957 metros de altitude,  situado na súa vertente occidental, que está no camiño a Pena Trevinca; este río ten un segundo composto en *-ur / *-or, que segundo os autores Villar e Prósper, denotaría auga sucia ou río turbio. Na mesma vertente occidental temos un río Meladas, coa mesma raíz da que estamos a falar, e non é o único que a ten, no mesmo concello de A Veiga, preto da Serra do Eixe, temos un río Mao que dá nome tamén a unha aldea próxima, Riomao, e tamén en A Veiga  podemos atopar un lugar chamado Castromao.

Mais esta raíz ten dado tamén non menos abondosos topónimos referidos a lugares altos, rochas, picos, serras ou rochedos illados, algúns, como no caso da área de  Aragón, especialmente rechamantes. Foi tema de debate se era unha raíz indoeuropea ou anterior, debate que para algúns autores como Francisco Villar e Prósper non debería de existir ao xustificaren eles con varias razóns a indoeuropeidade da raíz que é o noso tema de hoxe. En calquera caso está fora de dúbida que a raíz e os topónimos que veñen dela teñen unha antigüidade notable. Sirva como exemplo o caso de Malpica, que logo de perder a memoria do significado orixinario produce unha tautoloxía repetindo o significado nun segundo composto de significado máis claro.

Repetimos que Pokorny afirmaba un orixinario *mel-, con significado de “saír, destacar, aparecer, subir”. O Diccionario etimológico indoeuropeo de la lengua española, de Roberts e Pastor, fala dun orixinario *mel- con variante *mal- que dará un latino malleus, con significado de “martelo, mazo”. Este significado é a explicación que algúns dan para xustificar, por presunta semellanza física, o caso por exemplo dos Mallos de Riglos, en Aragón, que son unhas rochas prominentes e lisas e que xa hai moito son paraíso de escaladores. Sobre isto podemos ler definicións como estas: “Topónimo aragonés (derivado del latín malleus, «mazo») que se aplica a los grandes escarpes rocosos de laderas verticales que, a modo de pilones aislados, se adosan en la ladera de una montaña” Neste caso, hai que salientar que nun estudo do léxico dos documentos redactados en Aragón entre os séculos XI e XII, mencionase mallo co significado de: “gran pico rocoso”, segundo se pode ler na revista de filoloxía Caplletra

Eu teño as miñas dúbidas sobre o feito de que unha fisionomía parecida á de un martelo dese nome aos Mallos de Riglos, pois estes non son os únicos Mallos que hai en Aragón, tamén temos os Mallos d´Agüero, San Esteban del Mall… e non só en Aragón, tamén en Cataluña aparece este topónimo nos Mallos de Montserrat, ou de Sant LLorenç del Munt, entre outros; e afirmar que todos reciben ese nome por semellanza física cun martelo ou mazo parece arriscado. Sobre todo se temos en conta que lugares chamados Mallos non son exclusivos da xeografía aragonesa. En Galicia temos topónimos coa forma Mallos ou semellante, e todos parecen estar en lugares elevados sen que sexa necesaria unha paisaxe tan abrupta como a mencionada nin a semellanza cun martelo. Así podemos apreciar lugares como Mallou, na zona de Lira, que é un castro que se asenta sobre unha rocha elevada. Mesmo na Coruña temos a barriada dos Mallos, tamén caracterizada por ter que subir pronunciadas costas ata chegar a ela.

Nas áreas de montaña pirenaica tampouco podían faltar os lugares que teñen relación coa raíz da que estamos a falar, mesmo cimas de tanto nome como Bachimala, Maladeta, ou Tozal del Mallo no parque de Ordesa, ou o Puigmal en Cataluña, área que tamén ofrece outros nomes como o Malls de Rius. Tamén hai moitos lugares semellantes en Andorra ou en Francia, onde son sobranceiros o pico de Vignemale  e o Tourmalet, este último coñecido por ser un porto de referencia no Tour de Francia.

Para rematar, tamén ven ao caso falar doutros nomes de penedos singulares. Os que vivimos en A Coruña coñecemos ben o lugar chamado Penamoa, e non é difícil relacionar o topónimo con outros lugares como Peña Muela, da que temos unha en León, sen ir máis lonxe. Muelas hai moitas tamén na xeografía peninsular, e como a Penamoa coruñesa, proveñen do étimo latino “mola”, do que xa consta en 1335, segundo Segura Munguía, o significado de “cerro escarpado de cima plana”. É dicir, estes nomes referiranse a penas que se erguen de xeito significativo en relación ao contorno, aínda que teñen a característica de non teren pico, senón unha área chá no seu cume. Irmáns destes topónimos son os lugares galegos Moar, Mos, Mo e Moas. Fora de Galicia temos tamén exemplos abondosos, como Peramola, El Molar, La Mola, Villamuelas, Muelas del Pan ou Muelas de los Caballeros.

Podes seguir os comentarios a través de RSS 2.0