Basteira: Onomástica

Loentia

Loentia

Cae nas miñas mans un libro de Higino Martins Estêvez, chamado “As Tribos Calaicas”, e botándolle unha ollada atopo un comentario sobre Loentia. Loentia é un río e lugar do concello de Castro de Rei, en Lugo. No referido comentario faise referencia a este nome de lugar, que como Aviño, no artigo anterior, parece tirar o nome dun río Loentia. Efectivamente parece ser a súa orixe un hidrónimo, e como non é raro nos hidrónimos, de orixe prerromana.
Unha das referencias documentais máis antigas do nome Loentia
remóntase ao ano 1031, na que segundo unha escritura da Igrexa de Lugo, do 23 de agosto da mesma data, fálase de Luentena como vila situada no lugar de Teodani. A freguesía de Loentia é rica en restos arqueolóxicos, algún do período megalítico (aprox. do 4.000 ao 1.000 a. de C.)

Tamén resulta ser un topónimo comentado na páxina Celtiberia, que lamentablemente xa non acolle novas intervencións. Nesta páxina, Onnega di o seguinte: “En Gales, según Ptolomeo: Loventium / Luentinum. Mejor entonces pensar en la raíz *lou (lavar) de Pokorny, que en pérdidas de f- . Loent-ia y Luent-inum serían el mismo diptongo con variantes en el primer formante, una versión abierta (oe) y otra cerrada (ue), y una versión antigua Lovent-ia, con la base de Pokorny *lou- “. Martins Estêvez fálanos de que este topónimo xa fora interpretado por Nicandro Ares, no número 80 da revista Grial, onde falaba de Loentea e Vendea como topónimos presumiblemente de orixe céltica; Martins dinos que “precisamente os materiais viriam de *lowentena e *windena, adjetivos de 2º grau que qualificam um nome feminino para “vila” tirados dos adjetivos *lowent – “que lava, banha” e *windo- “branco”. O mesmo Martins, noutro artigo do seu libro fala dun etnónimo de tribo, os *lowenoi ou *lowankoi e dinos: “Vejo aí *loweno e *lowanko- , do tema *lowo- , nominal “água” ou verbal “lavar”. Desinências de adjetivo som –eno- (ie. ei-*no), e –anko- . Logo seriam “os das fontes, os das águas”, o que é pouco próprio de endo-étnico; logo talvez lhes fosse atribuido pelos vizinhos”. Sobre este etnónimo de tribo, os *lowenoi, do que nos fala Martins, consultei o “Diccionario toponímico y etnográfico de Hispania Antigua”, e di o seguinte sobre os leuni, que é a tribo á que se refire Martins: “pueblo de localización incierta mencionado por Plinio entre los gallaeci del Conventus Bracarum, al sur del Miño, entre éste y los seurbi. Se les ha identificado con los lubanei, mencionados por Ptolomeo”.

Volvendo sobre Loentia, aparece o problema da sufixación, xa comentado por Cossue en Celtiberia, pois cabería esperar unha evolución patrimonial con parte final –enza. Moralejo no seu libro “Callaica Nomina”, no artigo “HIDRÓNIMOS GALAICOS CON SUFIJO –antia” di o seguinte: “En esta comunicación quiero presentar algunos hidrónimos galaicos con sufijación compleja -ant-ia, ent-ia y complementar la información de que los hidrónimos en -antia (Untermann 2001: 189) «aparecen casi exclusivamente en el rincón nordeste de la Hispania indoeuropea» (es decir, León, Oviedo, Burgos, Palencia y Álava).


O artigo de Moralejo déixanos ver que o normal sería que rematasen os topónimos con sufixación –antia, -entia, nunha forma patrimonial en –anza, -enza; coñecido isto, a pregunta é porqué neste caso o topónimo remata en –entia. Como ben apuntaba Cossue, unha das formas que se barallaban na páxina de Celtiberia era a de *Louentia, que viría a dar *Luenza ; xa que logo, Cossue daba como máis probable que a súa orixe viñese dun *Louentina, que podería rematar perfectamente en *Luentia (Loentia). Se lembramos que a forma primeira documentada, como xa dixen ao comezo deste artigo, era a de *Luentena, pois parece que Cossue ía polo bo camiño.Para rematar, dicir que Edelmiro Bascuas, no seu traballo “Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia”, dinos o seguinte: “el sufijo átono –ena es frecuente en formaciones prerromanas, como los medievales Vendena (Bendia) y Luentena (Loentia) en Castro de Rei, Lugo”

Podes seguir os comentarios a través de RSS 2.0