Basteira: Onomástica

Galicia, Galiza, Cantabria

galiza1

Para os romanos, os habitantes do noroeste peninsular tiñan un nome: callaicos, pois así foran denominados por Estrabón. A orixe desta denominación foi administrativa, para definir unha nova provincia da Hispania Citerior ao norte da Lusitania. Os callaicos non eran a única etnia da Callaecia, mais foi a etnia que lle deu nome ao territorio que en época de Augusto integraban os conventos de Lucus Augusti e Bracara Augusta, e que sería máis tarde a provincia que Diocleciano, no ano 305 d. de C. crearía cos conventos Asturum, Bracarum, Lucensis e parte do Cluniensis.

Parte da antiga provincia romana é hoxe un país dotado de autonomía, e que ten como nome de uso oficial e administrativo Galicia, mais tamén se acepta o termo Galiza como unha forma patrimonial na chamada normativa da concordia, elaborada no ano 2003, e que di o seguinte: “Teñen terminación -cia, entre outros, acacia, audacia, avaricia, contumacia, delicia, eficacia, falacia, farmacia, ictericia, impericia, inmundicia, malicia, milicia, noticia, pericia, perspicacia, pertinacia, suspicacia, etc. Entre estas palabras está Galicia, voz lexítima galega, denominación oficial do país e maioritaria na expresión oral e escrita moderna. Galiza é tamén unha forma lexitimamente galega, amplamente documentada na época medieval, que foi recuperada no galego contemporáneo.” No ano 2008 a RAG ditaminou que a forma Galiza era correcta, mais Galicia era a forma oficial.


O primeiro que chama a atención do topónimo
Galicia, é que na denominación en castelán non se manteña o /ll/ latino, como mandaría a súa evolución, é dicir, o castelán asume, tamén, a evolución da forma galega en /l/, e nas dúas linguas triunfará a forma galega de Galicia.
Ferro Ruibal fai unha análise moi interesante no libro da Fundación Barrié adicado á memoria de Tato Plaza. A primeira información que temos do topónimo é, evidentemente, de textos latinos que en
Galicia dan as seguintes formas por orde de aparición: Gallecia, Gallicia, Galicia, Galizia, Galliza, Galiza. Entre as dúas formas hoxe en debate, a que aparece primeiro é Galicia, nun documento en Xubia no ano 1093, Galiza aparecerá, por primeira vez, no ano 1247. Na área castelá as formas que se rexistran son tres: Gallecia, Gallicia e Galicia. De Gallicia, Ferro atopa 82 ocorrencias no CORDE no século XIII, e 24 no século XIV, século no que esta forma desaparece. De Gallizia o CORDE ofrece 1391 textos no século XIII, 107 no XIV, 2219 no XV, e só 3 no XVI.


En canto á introdución da forma galega de
Galicia no castelán, o CORDE atopará 30 casos no XIII, só dous no XIV, polo menos 38 no XV, e despois irá en aumento ata ser a única empregada no XVIII. A outra variante galega no castelán Galizia ten presenza do século XIII ao XVII e, por último, a forma Galiza ten incidencia no castelán do século XIII con 3 ocorrencias no CORDE. As formas castelás (Gallicia, Gallizia e Galliza), como explica Ferro, mantendo /ll/ como forma fonética propia da evolución no castelán, están documentadas, como acabamos de mencionar, e teñen forma maioritaria dende o século XIII ata o XV; mais tamén é certo que coexistían coas formas en /l/ aínda que estas foran minoritarias. En todo caso, a partir do S. XVI, no que só se documentan 3 casos de formas en /ll/, estas desaparecen radicalmente da área de lingua castelá. Hoxe pódese afirmar que a forma Galicia é un préstamo do galego ao castelán, que por algunha razón resultou ser a forma predominante nesa lingua.


No referente ao significado orixinario do étimo que denominaba aos
callaicos ou callaecus e que veu en dar na Callaecia latina, son varios os autores que estiman que a forma orixinaria ben puidera ter tido como base o prerromano *kal– que co significado de elevación rochosa ou montaña designaría aos pobos que vivían nas montañas, posiblemente na área de Peneda-Gerês e que provirían orixinariamente da área norte do Douro. Desa base *kal– falan Cabeza Quiles, Elixio Rivas ou Juan J. Moralejo. Como curiosidade, non está de máis comentar que a denominación do noso país, aceptando o que din os autores mencionados referente a un pobo que habitaba na montaña, ten similitudes coa explicación que se da do topónimo Cantabria e que se relaciona co significado de: “ xente que habita nos montes, montañeses”. Cantabria ten un unha base *cant– que significa pedra, de orixe celta ou pre-celta ben coñecida por dar numerosos topónimos na península que designan áreas rochosas ou abruptas (na mesma área de Cantabria temos Candiano, Candenosa, Gándara…) e que tamén tivo fortuna como responsable de familia léxica en palabras como canto, canteira, acantilado. De canto dinos Corominas, no seu monumental Diccionario Crítico Etimológico o seguinte: “piedra, especialmente la empleada en construcción, o la suelta y redondeada a fuerza de rodar a impulso de las aguas”, de una raíz común a los tres romances hispánicos, de origen incierto, probablemente prerromano, y es verosímil que sea céltico”.

  • Esquecía… penso que a teoria con mais consenso é a de CASTELLONIA > CATALONHA > CATALUNHA > CATALUNYA, na altura do século X talvez ainda se falase algo parecido do euskera en Lleida e toda Uesca. Catalonha seria no propio catalán, en castellano Castelloña é un pouco cacofónico xD, pero se tomado do catalán directamente. En fin, as burradas que poña (que poñerei), o culpábel Manuel Ferreiro xD.

  • Home, non queria descualificar. Ben sei de cando é a adopción dos dígrafos provenzais, e ben sei donde veñen (l+i = lh, n+i = nh, c+i = ch, eses i que os escribas modificaban lixeiramente para diferenciar o li palatal do li vocálico acabou parecendo graficamente un h, e dai o h). De feito, o propio castellano adoptou o ch, non puido vir doutro sitio, non é? Certo que o galego escrebia con moitas grafias distintas, e sen dar prioridade: ll, li, lli, e mesmo lh. E por certo que no castellano pasaba algo parecido. É certo que falando rigorosamente “ortografia” non é adecuado, mas é real que o castellano rapidamente adoptou unha grafia bastante unificada que foi a que emanou da sua corte, exactamente igual que o que pasou co galego… na corte de Lisboa (mais serodiamente). Afonso escrebia xa con unha grafia castellana, e na miña opinion con plena intencionalidade, obviamente isto é discutíbel, claro que tamén unha língua tan totalmente allea ao francés como o bretón xa usaba antes de todo isto unha grafia decalcada do propio francés. Eu tampouco estaba a defender “Galiza” exactamente, mais ben estaba a defender que, no meu ponto de vista, “Galicia” é un claro castellanismo como o era até non hai moito (non, non tanto), “escuela”, “Dios”, “gallego” (!), etc.etc.

  • “Catalueña” en castelán, home… En xeral creo que tes que repasar Historia da Lingua I (o de que o LL etimolóxico pecha o e>i non o dirás por “alimán”, eh? 🙂
    A obriga de usar o castelán nos documentos da Chancelaría Real aos que te refires ten relevancia simbólico-política, pero fóra do latín e de pequenas mostras castelás -moi pequenas en termos porcentuais non digamos no uso escrito cotián da lingua- o que se escribe de norte a sur e de leste a oeste, nos mosteiros, nas pequenas cortes, na documentación notarial, etc. etc. é case sempre galego; nos mosteiros ata ben entrado o século XVI.

    Para falsificar cómpre saber a versión orixinal e así dar composto a falsa. Ti, polo tanto, non darías falsificado case nada sobre esta cuestión. O do Afonso X xa é para nota… “ortografía” no século XIII…!!! Comproba a datación das primeiras cantigas e a aparición dos dígrafos provenzais ao sur do Miño; éche a vantaxe que ten Internet.

    Pódese defender “Galiza” moi dignamente, pero sen dar aulas cando non se está capacitado e sobre todo sen descualificar a outra postura.

  • Ei… non. Non seria Catalueña, mais “Catalonha”. Pasa que o -ñ- é nasal e sempre fecha vogal. Galicia para min é claramente castellanismo, claro que isto é con efeito opinábel, discutíbel e mesmo motivo de paixóns, e para cores, preferencias. Non vexo porque habia dar “Galeza”, porque se non estou errado o LL > L etimolóxico normal fecha a vogal seguinte E > I. En castellano igual, máxime cando palataliza. Non é que me conveña, é que se a historia de Galiza for outra, ese forma nen existiria. Se hai xente que lle gusta o topónimo, non vexo motivos para “darlle peso” ao seu gusto facer interpretacións, ou, falando un poco mais forte, falsificar as cousas. E iso de que están certas cousas fora de certa influencia, cando o castellano xa era oficial en Castela no século XIII e toda documentación dirixida para ela tiña que estar nesa língua, é moito dicir. Exactamente igual que hoxe a influencia no castellano mexicano por exemplo comparado co peninsular a respeito do inglés é non só totalmente distinta senon claramente mais forte no primeiro. Para min non hai lugar á dúvida cando Afonso “o Sabio” emprega a ortografia que emprega. As línguas son ferramentas políticas, como éo toda actividade humana. Está claro que se a xente prefiere “Galicia” a “Galiza” iso poderia ser até mesmo democrático, mais iso ten pouco a ver co asuntiño de se é, ou non é, antietimolóxico.

  • De que a forma “Galicia” sexa levemente antietimolóxica (non no galego oriental) non se infire moita cousa. Tamén o é, con maior escándalo, o topónimo Mérida e tamén acabaron séndoo moitas vogais abertas e pechadas (Ela, tEmpo) do galego occidental actual, e a gheada, etc. Entre o que “debería” ser e o que é, os falantes decidiron pechando un grao a vogal en “Galicia”. De todas as maneiras, se CUPIDITIA>cobiza, velaí tes AVARITIA>avareza (e, que curioso, tamén “avaricia”), por que non GALLAECIA(GALLAETIA, GALLETIA)>*Galeza? Que a forma oriental con -cia se vaia estendendo conforme se introduce o castelán é tamén discutíbel; os documentos escritos en castelán non aumentan en moitas zonas do dominio lingüístico, senón que diminúen en relación aos que se escriben en galego entre o século XIII e a primeira metade do XV, e moitos dos que se producen en galego (prosa tabeliónica, documentación civil, etc.) están fóra da súa influencia directa. Como máis ou menos todo o mundo sabe, o castelán tomou “Galicia” como préstamo, así que malamente pode ser palabra castelá (a evolución sería *Galleza, non é que nos guste pensalo) e doutra banda os topónimos, por restitución culta e fenómenos diversos, son algunhas veces rebeldes á evolución común do léxico patrimonial. Non vale invocar a (anti)etimoloxía e as restitucións cultas só cando nos convén. Galicia ou Galiza sonche así pola mesma razón ca Cataluña non é *Catalueña.

  • Esquecía: en castellano poderá ser “Galicia” e muita xenta gusta de pensar que é galeguismo nesta língua, mais o xentílico é claramente etimolóxico: “gallego” (a propósito, no século XIX os escritores do rexurdimento empregaban este xentílico español e absolutamente ninguén dicia “galego”). Non é o único caso antietimolóxico: o topónimo Galia por exemplo, duplamente antietimolóxico (ainda que o -ia pode ser atribuido a cultismo). Deberia ser Gallia en español (era asi en latín), e tamén hai quen quer ver galicismo na pronuncia. Na miña opinión non hai nen galicismo nen galeguismo: o español na altura da sua fixación como código culto (finais do XIV-XV) escolleu unha pronuncia latinizante de determinados topónimos (tampouco existe Allemania, nen Pollonia, nen Hollanda, todas con ele duplo na sua versión latina). Hai muitos mais casos.

  • Está claro que a actual forma “Galicia” é castellanismo, porque é totalmente antietimolóxica, para conservar mesmo nas áreas orientais -na era medieval muito mais reducidas do que hoxe- a terminación -cia deberia ir completa e ser “Galecia” (non hai motivo para fechar a vogal, o propio ditongo evítao, non sendo que se esté a imitar o termo español). A primeira referencia de 1098 non está en nengún texto romance, senón en latin directamente. A forma mais temperá en galego é Galiza, e só vai aparecendo “Galicia” a medida que o castellano vaise introducindo. Non existia nen sequer como seudocultismo. E de facto no territorio portugués nunca se rexista “Galicia”, porque loxicamente non tén mais relacións coa corte castellana que as da chancelaria (de asuntos exteriores).