Basteira: Onomástica

Galicia e Portugal

Gallaecia

Cando no artigo Galicia, Galiza, Cantabria, mencionaba as dúas formas recoñecidas pola RAG, só tiña intención de amosar unha realidade constatable: que hai dúas formas recoñecidas. As preferencias por unha ou outra forma non eran o obxectivo dese artigo. Quen comenta o artigo co pseudónimo “Eu” ten claro que a forma Galicia é un castelanismo porque a súa evolución é totalmente antietimolóxica, e explica que non hai motivo para cerrar a primeira vocal. Tamén ten claro que a forma Galiza é a primeira que aparece en romance, e pensa que o termo Galicia non aparecería se non fose introducido polo castelán. Tamén di que no territorio portugués nunca se rexistra Galicia. En fin, as mencións de frecuencias e datas que se rexistran no CORDE, polo que se ve, non convencen a quen fai os comentarios. Este asunto non ven de onte. Xa no ano 1977 a USC, buscando unificar a fala, escribía textualmente nun dos seus seminarios:

Dentro deste apartado entra o debatido nome da nosa terra: hoxe Galicia, en galego antigo Galiza (cast. antigo Gallizia, Galizia, Galicia, port. mod. Galiza). Ante o dilema Galicia/Galiza coidamos que se debe aceptar sen reservas Galicia porque:

Galicia en cast. é un galeguismo, polo menos parcial, o esperado sería Gallicia (xa que non *Galleza)”

Efectivamente, en castelán, seguindo as regras etimolóxicas, o nome sería Galleza, ou con cultismo Gallecia. Estímase que dende o principio, en galego preséntase unha metafonía no que o “e” pecha en “i” por influxo do segundo “i”. Xa que logo, as dúas cuestións que denotan a galeguidade de Galicia, como a simplificación do “ll” e a metafonía, serían resultados propios da evolución galega. Este galeguismo pasaría ao castelán, insisto, aínda que non pasou o xentilicio que todos coñecemos. De feito, na miña opinión, o proceso foi xusto ao revés do que se comenta, é dicir, a forma máis antiga, a de Galicia, sería a que pasaría ao castelán e acabaría predominando sobre as súas formas, logo aparecería Galiza, tan xenuinamente galega como a forma anterior aínda que máis tardía. A persoa que fixo o comentario, non debe esquecer que nas formas do castelán patrimonial os grupos *cia e*cio evolucionan a *za e *zo. E sobre a área onde o topónimo Pacio está presente, enfrontado a Pazo, hai unha isoglosa no mapa da páxina 481 no libro Letras Primeiras, de Henrique Monteagudo. Quen o queira consultar, observará que a área de Pacio non é tan pequena como se dá a entender.

Xa que tamén se menciona que no territorio portugués nunca se rexistra Galicia, vexamos o que se comenta por alí.

Leite de Vasconcelos opina o seguinte: “ a verdade, e como parece óbvio, Gallaecia não pode directamente explicar o topónimo em causa, mas sim após ter sofrido metafonia na sílaba tónica por influencia do ‘i’ seguinte”.

Jose Pedro Machado, no Dicionário Onomástico Etimológico da Lingua Portuguesa dinos o que segue:

“Em textos do séc. XI só ocorrem Gallicia, Galicia e Gallitia” como se menciona no Portugaliae Monumenta Historica; e segue: “ …ver ainda Galicia em cita do Elucidàrio das Palavras… como ocorrente nas ‘Inquirições d´El-Rei D. Affonso III sobre a igreja de S. Martinho de Coura, no arcebispado de Braga…” e segue: “Galiza está no texto de 1258 (Inquisitiones) e em St. Maria ‘do reino de Galiza o fezera’.”

En Portugal hai tamén un topónimo Galizes, que para Almeida “ Tudo indica Gallizes uma designação étnica, sinónima de *Gallecos>Gallegos que também está bem representada na toponímia e é de sentido claro. Já temos em 1258 Galizes…”

Non se me esquece o que se di tamén para o nome de Alemaña, que ten tamén un “ele duplo na sua versión latina”. Alemaña ven do latín tardío Alemannia, nome derivado da tribo dos Alemanni. Aparece documentado nas fontes latinas como alamanni ou alemanni. O seu significado, “todos os homes” do xermánico Ala e Man interprétase como que eles mesmos danse ese nome ao unírense varias tribos.

  • Carallo! Nunca pensei ter tanta acollida nas miñas opinions! xD Grazas, obrigado!

    Realmente non ten nada de sorprendente, porque “en galego[-portugues]” só comezou a se escrever precisamente nesa altura, sec. XIII, o castellano xa era oficial nos seus dominios (daquela, hoxe mais extensos). De feito, o galego foi, senon estou equivocado, de todas as linguas con cultivo literario e língua de corte (porque supoño que concordaremos que nesa época é polo menos consenso universal que é o mesmo o falado desde Viveiro até Faro), a mais serodia na sua escrita. Iso son latinismos, como o escreber sistematicamente “et” (ou “&”), non me virá ninguén dicir que se lia “et”, “ti et min” (!). Certo que falei de Allamania, e tamén de Hollanda por exemplo, certo que a tribo e a dos Alamanni, mais na altura de idade media nen é raro achar “Allamania” (de feito en francés moderno é “Allemand” e “Allemagne”, con l duplo), nen só non é raro mais que es maioritario. Ignoro se isto é un cruzamento coa forma germana “allmand” ou até “allemann” -algo totalmente diferente-(o certo é que no propio alemán tamén é Alemannisch, con l sinxelo e nn duplo, mais isto poderia ser cultismo no alemán tamén, ou eu sei o que), o caso é que o topónimo medieval “Allemania” si circulou. A verdade é nin idea, porque pola área ocupada, os tais Alamanni devian ser celtas-galos mais do que xermanos, asi que a teoria xermánica non funcionaria nese suposto. Eu particularmente penso que é unha trapallada imperialista-latina (totalmente a sério e no mellor estilo Vida de Brian), co segmento al- de alius (outro, alleo), e man coa hipótese que mais gustar (e dai a vacilación al-, all-). En fin, o certo é que todo isto dos topónimos é algo apaixoante. 😀

Podes seguir os comentarios a través de RSS 2.0