Basteira: Onomástica

Fondevila, Fondodevila, Cimadevila

Fonte-de-fondevila

Segundo observo, hai unha serie de topónimos propostos pola CIUG como exemplos de toponimia de orixe latina, e sobre o significado deles varios centros de ESO teñen colgada a súa explicación na rede. Nesas explicacións hai algunha cousa que me chamou a atención, por exemplo a explicación do topónimo Fondevila. Practicamente todas as achegas contemplan só unha posibilidade para explicar o mencionado topónimo, isto é, atribuílo a un composto fonte + de vila (con apócope de –te), e só o IES Castro Alobre, que eu observara, menciona en exclusiva a posibilidade de fon(do) de vila no que “fundus” sería a parte baixa dunha vila.

Cabeza tamén emparella os topónimos Fonte da Vila e Fondevila, facendo provir este último dunha suposta fonte, e Moralejo contempla ambas as dúas posibilidades, a de “fonte” e a de “fondo” tanto en Fondevila como en Fondovilar.

E que din os dicionarios históricos? O de Francisco Javier Rodríguez, do 1863, di o seguinte sobre fondo-de-vila:

Las casas del fondo de un lugar que se llama vila, lo que era muy comun en lo antiguo, ni era necesario que fuese pueblo grande para eso. Por esta razon hay casas en un mismo lugar que se denominan de tres maneras, á saber: cima-de-vila, cabo-de-vila y fondo-de-vila. Las primeras son las que están en lo más alto del lugar; las segundas las últimas opuestas á la entrada principal, y las terceras, las que están en lo más bajo

Que atopamos no buscador de topónimos da nova páxina da Xunta? O topónimo Cimadevila aparece 91 veces, case sempre como referente a entidades humanas, ainda que no concello de Barreiros aparece unha Fonte de Cimadevila. O nome de Fondevila aparece 21 veces, todas como pequenas poboacións ou terras, ningunha referente a augas, mais como entidades humanas temos, significativamente, o lugar de Fonte de Fondevila é dicir, neste caso foi necesario indicar no topónimo de Fondevila a existencia dunha fonte, polo que supoño que cando se puxo non se deducía do propio topónimo a existencia da mesma. Relevante é tamén o resultado de Fondo de Vila, Fondo da Vila ou Fondodevila, pois estas tres variantes aparecen até en 58 ocasións, e tamén neste caso atopamos unha fonte engadida ao topónimo,  Fonte de Fondodevila (cuxa fotografía ilustra este artigo). Se buscamos o topónimo de Fonte da Vila aparece 33 veces, e por último, se a busca é por Cabo de Vila ou Cabodevila temos 42 resultados.

Fondevila, na miña opinión, parece ser o resultado natural dun orixinario (fundu de villa) e indica máis unha situación espacial, de posición relativa, que un posible composto con “fonte”, pois isto último tería o inconveniente, ademais, de que o esperado neste caso sería unha contracción en feminino, “fonte da vila”, o cal se especifica na toponimia cando é necesario, como observamos no parágrafo anterior. Rivas Quintas apórtanos léxico con “fondo” e derivados, relacionado co significado de “situación relativa dentro dun terreo”, e así temos: fondal (parte baixa do terreo), fondeiro, fundeiro ou fundego (terreo fundo); e os topónimos relacionados seguintes: O Fondo, Fondal, Fondelo, Fondevila, Fondoso ou Fondós.

Esta oposición entre parte alta e baixa dunha vila non se dá só, naturalmente, na toponimia galega; outro exemplo pode ser o dos topónimos e apelidos cataláns Capdevila e Soldevila. Soldevila vén de “sòl de vila” (parte baixa da vila), pois o catalán sòl, que provén do latín “solum” (chan, fundo) ten a acepción de “parte baixa dun lugar”.

Podes seguir os comentarios a través de RSS 2.0