Basteira: Onomástica

Camba, Cambre, Cambados, Cambridge

cambados

O que poña no buscador de topónimos o vocábulo camb, obterá unha boa cantidade de resultados. Moitos coñecidos, como Cambados ou Cambre; outros algo menos, como Cambariña, Cambela, Cambeses, Cambeda, Camba, Cambadas, Cambeiro, Cambelas, Cambás, Portocamba, Cambicia, Cambeo, e mesmo un río de Camba. Estamos a falar dun topónimo de case segura orixe céltica, en calquera caso indoeuropeo sen dúbida, así que pódesenos ocorrer algún lugar onde poida haber outro de similar orixe. Un dos que nos virá primeiro á cabeza é o lugar de Cambridge, (ponte sobre o río Cam), e se miramos no Cambridge Dictionary of English Place-Names, atoparemos o seguinte sobre Cam : “…the river name is not so early evidenced… but probably represents primitive Welsh *camm (british *cambo, crooked). The stream has a winding course”. É dicir, temos un río con moitos meandros, curvado. Este dicionario, ademais, tamén reflicte unha forma no inglés antigo *camb que dá o topónimo inglés Cambo. E non é esta a única forma, tamén outros topónimos ingleses teñen a súa raíz no vocábulo *cambo, con variantes no galés *camas, *camais; irlandés *cambas; ou o irlandés antigo *cammas (baía). Para abondar máis, este dicionario fala dun río Camel co significado de río con moitas curvas, e non é o único exemplo que pon, polo que temos tamén o que parece ser unha base bastante produtiva na área británica.

E, se unha base toponímica de orixe celta está nas Illas Británicas, o normal é que tamén apareza en Francia. Dauzat relaciona varios topónimos franceses sobre compostos do galo *cambo (curvo), como Chambezon, de *cambo e *dunum (cuíña), con cambio de final; Chambon… Dauzat tamén menciona varios lugares achegados a ríos, formados sobre “*cambo- , courbe (de rivière)”; como Camon ou Cambo-les Bains. Unha explicación moi semellante á que se dá máis abaixo sobre Cambres, témola en Francia co topónimo Cambronne, do que se di: “Camberona, vers 1020, du gaul. *cambo, courbe et –ar- , suff. ou hydronyme pré-indo-eur. et gaul. –onna , rivière”

Por suposto, formas semellantes aparecen tamén en Portugal, onde se fala dun prerromano *cam, *camb– topográfico, que significaría elevacións redondeadas, así, fanse provir de aí os lugares, entre outros, de Cambada, Cambado, Cambeses (repítese o de Galicia, o sufixo denota a orixe dos habitantes, que virían dun lugar chamado Camba) e mesmo de Cambres, que Almeida relaciona con Cambaras, do prerromano *camb curva e *ar(a) auga. A súa evolución sería: *Cambaras> *Cambras > *Cambres. Moralejo tamén falará do Cambre galego, (Calambre no S. X.) do que di que ben puidera relacionarse co antigo Calambrio/bria da Galia.

Segura Munguía, no seu “Diccionario por raíces del latín” fala de cambaae como pata dos cabalos, pide que se compare co grego kampé, (curva) e relaciona canga, (xugo) como probablemente do celta *cambica (madeira curva). O dicionario da RAE tamén fala de canga, na súa etimoloxía, como: (Del celta *cambica, madera curva, der. de *cambos, curvo; cf. galés kamek). No castelán tamén se refire gamba, (pierna) como provinte do latino camba, do que Corominas comenta o seguinte, en contraposición a Segura: “…suele mirarse como tomado del griego… , origen que debe revisarse, acaso a favor del céltico, atendiendo a la fecha tardía del cambio griego de –mp en –mb…” “…si el sentido etimológico fuese miembro curvo, curvatura, y el vocablo fuese idéntico a la cama del arado el céltico ofrecería una buena base con *camba, (curvatura)”.

Blanca Prósper tamén relaciona o radical *comb cun indoeuropeo *(s)kemb- curvo, como mencionara Pokorny, e atópao xeralizado no antigo irlandés *camb (curvado); galo Cambión (torcido); hidrónimo Cambio- ; tamén como probable o galego-asturiano canga (xugo); e cunha forma céltica *camb que dá varios topónimos e hidrónimos en Galicia e Portugal, e mesmo un río Cambilla en Cantabria.

En Galicia tamén temos opinións que coinciden co xa falado. Moralejo fala de Camba como dun hidrónimo do que se poden poñer varios exemplos, e Cabeza tamén relaciona toda esa cantidade de topónimos, e outros como Cambás, Cambada, con ese radical céltico *camb- (curva, cousa curva).

Xa remato, nos dicionarios históricos do galego aparecen definicións que poden ser, tamén, ilustrativas. No de Pintos: “pieza curva lateral del carro”, acepción que se repite en moitos outros; o máis explícito é o de Carré: “Cada una de las dos piezas curvas de madera que forman, con el milde, las ruedas de los carros del país”. A sabedoría popular sacará un dito no dicionario de Elixio: “es máis torto cas cambas do carro”. Hai outra denominación curiosa, chámase cambado a aquel que ten as pernas torcidas, formando arco, denominación que aparece en moitos dicionarios históricos.

  • Non coñecia tanto pormenor, grazas. Mais o certo é que a terminación -briga adoita, maioritariamente, acabar en -bra mais do que en -bre, claro que está dentro do factíbel -briga > -bre (e mesmo hai casos sen dúvida).

  • Ainda que é verdade que houbo presenza de Templarios na zona, penso que hai que darlle máis valor á repetición doutras formas semellantes que aparecen onde non había os templarios que mencionas, como por exemplo o Calambre asturiano; outros Cambre en Malpica e en Carballo, onde hai tamén un Cambrelle; e mesmo un portugués Cambra dun orixinario Calambriga. Todo indica que é un máis dos compostos en -bre tan abondosos na nosa xeografía. A documentación medieval cita un Calamber ou Calambre.

  • Olá, existe tamén outra posibilidade, só para o caso de Cambre: do latin “camara” (“cámara municipal”, por exemplo), talvez relacionado coa presenza de Templarios na zona. Seria camara > cambra > cambre (como umeru > ombro > ombreiro). Isto non serviria para os outros casos.

Podes seguir os comentarios a través de RSS 2.0