Basteira: Onomástica

Os Blancos, Blanco, Elfos

Hai un concello e tres lugares en Galicia chamados “Os Blancos”. Cabeza Quiles fala de que, polo menos en Ourense, este lugar debe o seu nome, en orixe, a ter vivido alí os descendentes ou familiares de alguén que levaba “Blanco” como apelido. Disque hai varios lugares na toponimia galega que comparten esa explicación para o seu nome, por exemplo: As Rodrigas, Os Luises, Os Vieites, Os Gómez ou Os Dices.


Se queremos saber a razón pola que xurde este apelido, (que probablemente en Galicia sexa un castelanismo pola forma orixinaria Branco
, presente tamén no portugués), primeiro temos que saber que é un apelido abondoso en Galicia, mais non exclusivo. Atópase tamén en Castela, Portugal, e mesmo en Cataluña, cunha forma arcaizante Blanch ademais de Blanc. Méndez Ferrín, no seu “Consultorio dos nomes e os apelidos Galegos” faino provir, sen dúbida, dunha persoa que ten o cabelo branco, polo cal sería un apelido con orixe nun alcume. Roberto Faure opina, no seu “Diccionario de apellidos españoles” que ven da palabra castelá blanco, con orixe, segundo ambos os dous autores, no vocábulo xermánico blank. Tamén coincide con Ferrín en que denomina, como alcume, a aqueles que teñen así a cor da barba, da pel ou do pelo. Faure dá máis datos, e menciona que Blanco chegou mesmo a converterse en nome de persoa, e a dar o patronímico Blánquez, con algunha presenza en Andalucía. Esta voz tardía, de orixe xermánica, tamén dá apelidos noutros países, así: Bianco, Bianchi (en Italia) ou Blanc, Leblanc (en Francia).


Efectivamente a voz é de orixe xermánica, e conseguiu impoñerse ao vocábulo albo
, que á súa vez predominou sobre a outra forma latina. Para os latinos, esta cor tiña dúas formas: “albus” e “candidus”. A diferenza era que “candidus”, que viña dunha base verbal que significaba “brillar”, facía referencia a unha cor máis luminosa ca o “albus” que denominaba un branco máis mate. Segundo Corominas, a conservación do grupo consonántico inicial “indica palabra entrada tardiamente, probablemente desde Francia. La vieja palabra española era ALBO, la más extendida en toponimia”.


A raíz indoeuropea do latín “albus
” conservouse nas linguas xermánicas, porén, no vocábulo “elf” (elfo), probablemente polo seu aspecto fantasmal, aínda que é verdade que os elfos subdividíanse á súa vez en elfos de luz e elfos escuros. Os elfos de luz, seres análogos aos nosos trasnos, e nos que creron os pobos escandinavos, tiñan unhas doncelas semellantes ás fadas escocesas, eran fermosas e levaban vestidos grises con velos brancos, mais había unha cousa que as delataba, tiñan unha longa cola de vaca.

Se nos fixamos na cultura celta, o branco era a cor reservada para a casta sacerdotal, só os druídas e os reis tiñan dereito a usala. A cor real era a prata, e unha deusa galesa citada no Mabinogi ten por nome Arianrhod, ou roda de prata. Segundo o libro de Chevalier e Gheerbrant “Diccionario de los símbolos”… “en galo vindos, adjetivo que entra en múltiples composiciones, ha debido significar blanco y bello”

Podes seguir os comentarios a través de RSS 2.0