Basteira: Onomástica

Aguillóns, Labacengos, Guichos

os-aguillons-carino-a-coruna

Disque as rochas máis antigas están na Baía de Hudson, en Canadá, cunha antigüidade de 4.000 millóns de anos. Logo seguen uns lugares en Grenlandia, Suazilandia, Michigan ou Australia; e nun destacado lugar atopamos o Cabo Ortegal, no concello de Cariño, na Coruña. As rochas do Cabo Ortegal estímase que teñen unha antigüidade de 1.160 millóns de anos, e son cientificamente coñecidas por representaren un ben preservado fragmento do manto superior, composto por rochas ultramáficas con especial presenza da piroxenita. Este estrato conservado parece ser o resultado da cristalización do magma. O Cabo Ortegal ten, ademais dun enorme interese xeolóxico, interese paisaxístico e ornitolóxico. Está incluído no Lugar de Interese Comunitario chamado “Costa Ártabra”.

Se o Cabo Ortegal é agora famoso por isto, xa era un lugar coñecido por Ptolomeo, do que falaba na súa Xeografía co nome de Lapatia Koroy Akron, promontorio que se estima que é o mesmo que o Aryium que cita Avieno na súa Ora Marítima “Aryium rursum intumescit prominens in asperum septentrionem”, e que correspondería á Punta dos Aguillóns. Esa área estaría habitada pola tribo dos Lapatiancos, xentilidade do pobo dos Artabros que tamén ocupaban a área de Cedeira e Moeche, e que deixarían, no concello de Moeche, o precioso topónimo de Labacengos.

Preto do Cabo Ortegal emerxen tres rochas, chamadas Os Aguillóns e tamén citadas por Ptolomeo como Trileykoi Nesoi. Estas pequenas e agudas illas están situadas fronte ao faro do Cabo Ortegal. O nome de Trileucos (tres brancos), merece diferentes xustificacións, uns din que colle a cor da branca escuma do mar que bate contra eles, e outros din que responde ao guano da impresionante colonia de araos que ata hai relativamente pouco tempo habitaba neles. De calquera xeito, habendo tres rochas principais, en realidade é un arquipélago no que as súas illas chámanse: Insua Maior, Cabalo Xoán, Tres Irmáns, A Longa e O Rodicio. Estes Aguillóns non son os únicos que hai en Galicia, hai outro grupo de pequenas illas na ría de Corcubión que son chamadas os Aguillóns de Sagrelos, e mesmo hai, xa en terra firme, un pico pontevedrés chamado dos Aguillóns.

O topónimo de Aguillón ven do latín vulgar aquileoonis, que é unha variante de aculeus; e ten como sinónimos farallón, cabezo, con, pena ou penedo. Moitos destes vocábulos son coñecidos, aínda que seguramente algo menos coñecido é outro xeito de chamar ás rochas agudas que emerxen do mar. Hai lugares en Galicia e Portugal, como por exemplo Os Guichos en Malpica, na Coruña, que teñen como característica a presenza de pequenas illas de formas agudas ou bicudas. Os dicionarios teñen como unha das acepcións para a palabra guicho a de “pico, punta aguda”. O máis explícito é o de Aníbal Otero, que di que o significado de guicho é o de: “puntiagudo hacia arriba, dícese especialmente de la cabeza y los cuernos”.

Espero que neste breve artigo non se me dera por “falar como quen dá couces contra un aguillón”, pois segundo a sabedoría popular, estaríame empeñando en facer algo inutilmente, ou ainda peor neste caso, estaría falando para as paredes.

  • Primeiro, agradecer os comentarios que se fan e o interese en ler os modestos artigos que se publican nesta páxina. Logo, explicar que o que se escribe nen pode nen pretende ser un espazo no que non se cometan erros, mesmo moitos erros. É por iso que eu tamén agradecería maior concreción nas críticas, pois sería a forma de corrixir os erros e mesmo de aprender algo da enorme cantidade de cousas que non sei, é dicir, se me dades datos concretos ou novas liñas de traballo, sería para min de grande valor.

    No referente ao tema que nos ocupa, dicir que eu poño cuidado en comprobar as fontes e os datos que cito; de calquera xeito, é ben sabido que nos temas dos que aquí se fala, e xustamente pola precariedade da información coa que traballamos, pode haber cambios en función de novas investigacións ou achados arqueolóxicos, especialmente no campo da Historia e Xeografía Antiga.

    Cando puxen que o Promontorium Aryum correspondía á actual Punta dos Aguillóns, non o puxen porque fora unha opinión miña, púxeno porque esa é a teoría máis comunmente aceptada na bibliografía que usei. Na Tabula Imperii Romani folla K-29, dise que o promontorio citado por Ptolomeo debe corresponder ao Aryum de Avieno e que se identifica co Cabo Ortegal. É tamén a opinión de Adolf Schulten, e tamén a de Luis Monteagudo García, que o sitúa exactamente na Punta dos Aguillóns.

    O Diccionario toponímico y etnográfico de Hispania Antigua, de Julián Rubén Jiménez, e Premio Menéndez Pidal, cita tamén un “Lapatiacoru promunturium”, do que di:
    “Cabo de los ártabros Lapatienci situado hacia el Ortegal….” e na entrada comenta a relación co “Trileucum Promunturium” reducido á Punta dos Aguillóns. Tamén este autor relacionao cos remotos Aryum iugum de Avieno e Hierion Akroteon de Pyteas.

    O Diccionario Akal de la Antigüedad Hispana, dirixido por José Manuel Roldán, tamén fala do Lapatia Kórou ákron; e di que é un promontorio citado por Ptolomeo no NO das costas galegas, e tamén coñecido como Trileukon. “Debe corresponder al Arvium promuntorium de Avieno, ora 160… se identifica con el Cabo Ortegal, o más precisamente con la Punta dos Aguillóns”. É verdade que nesta obra coméntase que se propuxeron outras localizacións máis ao sur, pero menciónao de xeito secundario.

    Tamén é interesante o dato de que Schulten é da opinión que o Promunturium Aryum é unha corrupción por Arubium relacionado coa tribo céltica dos Arubios.

    Non poño máis exemplos das obras que consultei, pero todas coinciden no mesmo. Por certo, causoume estrañeza que o comentarista relacionase o Promontorium Orvium co tema do que estamos a falar, pois tamén parece comunmente aceptado que este lugar é o actual Cabo Silleiro.
    Eu non sei cantas cousas habería que mudar para que a localización destes lugares fora máis fiable, mais calquera dato será benvido.

    Un saúdo

  • Dice:

    …”Se o Cabo Ortegal é agora famoso por isto, xa era un lugar coñecido por Ptolomeo, do que falaba na súa Xeografía co nome de Lapatia Koroy Akron, promontorio que se estima que é o mesmo que o Aryium que cita Avieno na súa Ora Marítima “Aryium rursum intumescit prominens in asperum septentrionem”, e que correspondería á Punta dos Aguillóns. Esa área estaría habitada pola tribo dos Lapatiancos, xentilidade do pobo dos Artabros que tamén ocupaban a área de Cedeira e Moeche, e que deixarían, no concello de Moeche, o precioso topónimo de Labacengos.”

    Para que el promontorium Aryum (Aryo, Orvi u Orvium) se pueda ubicar en los tres islotes del Cabo Ortegal concretamente en éste cabo septentrional de la Península Ibérica, muchas cosas habria que cambiar.

    No es más que una opinión pero dele un repaso a esos geógrafos de la antigüedad.

    Un saludo

Podes seguir os comentarios a través de RSS 2.0