Basteira: Onomástica

A voltas con Salas

salles-sur-verdon

Supoño que é o mesmo lector, a quen lle agradezo de antemán o seu interese, quen insiste no topónimo Sala como terreo de labor, e atopei algo novo sobre iso. Porén, no seu comentario aporta un texto, publicado na sección adicada a tira-dúbidas de AGAL Portal Galego da Lingua. O devandito texto, publicado o 30/9/2005 non está asinado, mais hai un comentarista habitual que si asinou outros textos nesa sección, trátase do prof. Higino Martins. Logo de consultar un libro seu, As tribos calaicas, observo que abonda na mesma teoría, é dicir que as Sás ou Salas peninsulares non corresponden a unha edificación, senón a unha sementeira. Noutro artigo, o 21/1/2005, chégase mesmo a dicir: “… tras muitas hipóteses obsoletas, cremos ter aquí un celtismo SALA “sementeira”, da raíz indoeuropea *sei ‘semear’. O significado “sementeira”, através de “colheita” passa fácilmente para “geraçom”.

Eu penso que, o exposto no artigo Sala, Zas, Salamonde, Salouzáns é válido; mesmo se apuntaba a unha acepción secundaria que indicaba “sementeira”, aínda que se indicaba que era posterior á acepción orixinaria. Dicir que é unha hipótese obsoleta a mantida pola case totalidade da bibliografía incluíndo dicionarios etimolóxicos, cunha única excepción, que eu saiba, e mesmo afirmar que os Sas, Salas da península (coa excepción da hidronimia da base *sal, *salia xa comentada), non teñen nada que ver con edificacións… é moito dicir para non dar máis datos que avalen esa teoría.

O Diccionario Etimológico Indoeuropeo de la Lengua Española, de Roberts y Pastor, contempla unha raíz indoeuropea *se, co significado de sementar, que no alto alemán antigo dará saen; no prusiano antigo semen; no córnico has; no bretón hed; e no irlandés antigo sil. Non sei se o celtismo sala con significado de “sementeira” tería que vir dun protocelta, mais o que se contempla consultada esta posibilidade é unha raíz *seg. Porén, o mesmo dicionario de Roberts e Pastor ofrece un *sel- co significado de “estancia humana” que dará no anglosaxón salor; no islandés antigo salr; no búlgaro antigo selo (aldea) e no xermánico *sal, co significado de habitación, cuarto.

O vocábulo é verdade que ten unha presenza moi antiga en áreas de lingua romance, cítanse exemplos dos SS. XI-XIII no Onomástico e nos Subsidios de Cortesão; polo que Corominas non desbota que tivera presenza a través das linguas xermánicas como o fráncico e o visigótico, e mesmo fora reintroducido por “una oleada de origen caballeresco, procedente de Francia o de Cataluña” . En Galicia pouco ou nada sabemos das linguas xermánicas, (nomeadamente o suevo) que se falaron aquí, e segundo Ramón Mariño, na súa Historia da lingua galega, “…son minoritarios, tanto en galego coma nos restantes romances hispánicos, os xermanismos que nos foron legados directamente por un idioma xermánico aquí falado nalgún momento…” En calquera caso, en Galicia xa constan topónimos con Sala no inicio do S. X. ; e no libro publicado co título Léxico hispánico primitivo, e redactado por Manuel Lapesa, aparece o seguinte na entrada salla: -“(del germánico sal), f. Palacio, casa. (1097-1104) dono una terra ad illa salla de Berenguer Gombald

O vocábulo que nos chega ten orixe no fráncico (dialecto xermano occidental), e se consultamos o alemán Saal no Etymologisches Wörterbuch des Deutschen, da editorial DTV vemos que xa se contempla no alto alemán medio (1050-1350) o significado de sal como “Haus, Halle”, e mesmo remítense as variantes existentes a un “Einraumhaus”, ou casa dunha soa estancia. As variantes que nos dá son: do longobardo sala; do antigo saxón seli; do baixo alemán medio sal; do antigo inglés sele; do medio holandés sale, sael, sele… e xa se atopan compostos deste étimo no S. VIII . Hai moitos máis exemplos, curiosamente tamén aparece unha derivación co significado de “Feld, Acker, Dorf” ou sexa, campo, terra de labor e aldea, o que pasa é que aparece este significado no antes mencionado selo, do eslavo antigo. En todos os demais casos a idea é a de vivenda. Para finalizar dísenos: “Zu erschliessen ist eine Wurzel ie. *sel- ‘Wohnraum’ “. Ou sexa que remítesenos a unha raíz indoeuropea *sel- , o mesmo que no dicionario de Roberts e Pastor, cun significado de “vivenda”.

O libro Lexikon Bayerischer Ortsnamen fala do topónimo Saal an der Donau, en área da Baixa Baviera, in loco qui dicitur ad Salla documentado no ano 790. O significado remítese por Albrecht Greule ao “germanisch *sal-az ‘Einraumhaus’ ”, mais Snyder opinará, penso que con razón, que a proximidade do río Donau indicaría, de novo, unha base hidronímica *sal-. Esta confusión entre hidrónimos ou edificacións tamén é comentada no libro La toponimia en la zona arqueológica de Las Médulas, de Fernando Bello, que na entrada Salas de la Ribera, e falando de Sala, dinos que os Salas leoneses están a carón dun río ou regato, polo que moi ben puideran ser hidrónimos, mais tamén nos di que o étimo Sala, de orixe gótico-xermánica, significaba en orixe “edificio de una sola pieza”, e tamén relata que na Idade Media tiña o significado de explotación agraria por concesión señorial. Comenta que é raro o mantemento nesa área do /l/ intervocálico, e máis tendo preto de aí Valdezás, mais tamén comenta outras interesantes cousas, por exemplo que, para Llorente Maldonado “el gótico Sala significó ‘caserío, finca’, pero también ‘vega, ribera, terreno susceptible de inundarse’, probablemente por evolución da base hidronímica *sal. Lembremos que en Portugal existen as dúas solucións Sáa e Sala, esta última nos territorios que estiveron en área mozárabe.

En Francia, que é dende onde se supón que chega á península o xa comentadísimo étimo, atopamos exemplos tanto en toponimia como en onomástica. Na península hai Salanueva, Saavedra, Sáa etc. como apelidos; igual que en Francia teñen Lasalle, e no campo toponímico comenta Dauzat Saales como probablemente provinte do xermánico seli; e con formas Sales, Salles unha morea de lugares, a meirande parte con orixe en Sala e que xa se empezan a documentar a partires do 972, e hai tamén Salles asociados a un antropónimo, como Sallagriffon (dun nome xermánico Grifo), ou Sallebruneau. Para rematar, ven ao caso citar o topónimo portugués Salaborda, pois fálase de que poida ser unha tautoloxía cunha primeira parte en Sala e unha segunda, Borda, que significa “construção ou morada feita de madeira ou pranchas”.

Na miña humilde opinión, a toponimia busca singularizar e definir os espazos xeográficos, para identificalos. Os cultivos tamén valen para iso, temos exemplos en Feás, Centeás ou Liñares, mais sigo sen atopar a case ninguén que opine que Sala, cando non é referido a hidrónimos, ten o significado exclusivo de “sementeira”, nin a case ninguén que opine que as hipóteses sobre edificacións son obsoletas. A afirmación de que as Salas peninsulares son sementeiras con étimo de base céltica, máis que contundencia merece prudencia.

Podes seguir os comentarios a través de RSS 2.0