Basteira: Onomástica

A orixe do apelido Borbón

Se buscamos no “Diccionario de Apellidos Españoles”, editado por Espasa, o apelido Borbón non aparece. Curiosamente, aparte dos Borbón coñecidos por todos, se buscades no buscador do INE, podemos apreciar que hai unha presenza significativa de xente co devandito apelido en varias provincias. Concretamente é a provincia de Huesca a que máis xente ten apelidada Borbón, en total 98 persoas como primeiro apelido, cunha presenza relevante tamén nas provincias de Zaragoza, Barcelona ou Lleida.


A dinastía que deu varios reis á historia de España, chega no ano 1701. É unha das dinastías máis importantes de Europa, rama da dinastía dos Capetos que inclúe aos descendentes de Hugo Capeto por vía dun fillo de Luis IX de Francia, e sentou reis principalmente en Francia e España. A súa orixe xeográfica é o lugar francés de
Bourbon-l´Archambault . Xa que logo, parece ser ese lugar o que deu orixe ó apelido Bourbon francés, que pasaría en España a ser coñecido como Borbón, é dicir, é un apelido de orixe toponímica.


Comezaremos por consultar, pois, o “Dictionnaire étymologique des noms de lieux en France”, de Dauzat, que nos remite á entrada
Boulbon, lugar coñecido como Bolbone no 1054 e como Borbo no 1166. O étimo é derivado dun tema céltico borb- que indica lugares onde hai fontes, xeralmente de auga quente, logo ás veces baños termais. Este vocábulo tamén designa os lugares de Bourbon-Lancy (aquae Bormonis), Bourbon-l´Archambault e Bourbonne les Bains. Na mitoloxía céltica Bormo ou Borvo era unha divindade que presidía as augas termais. O “Dictionnaire étymologique des noms de famille”, de Morlet, coincide na mesma e idea e nos explica: “dér. d´un thème celtique borb, désignant généralement des sources chaudes”


Por último, consultamos “L´origine des noms de lieux en France”, de Gendron, que nos di que
borba-, borva-, que dan bourbe en francés, se atopan en Borvo ou a súa variante Bormo, divindade das augas quentes, que está na orixe de Bourbon-l´Archambault, estación termal frecuentada desde a antigüidade. É tamén o caso de Bourbon-Lancy, (aquae bormonis no século IV) que é unha estación termal, e Bourbonne-les-Bains, lugar ben coñecido polos seus baños romanos, cunha inscrición Borvoni (ao deus Borvo). Entre os nomes de río provintes do mesmo étimo, pódese citar La Bourbonne (fluvium qui vocatur Borbuntia, 906) ou Bourbre, afluente do Ródano. Tamén se poderían citar un grande número de topónimos de formación latina ou romana, formadas a partir de palabras latinas nas que a etimoloxía é borb- , barb- , como por exemplo La Bourboule.

Podes seguir os comentarios a través de RSS 2.0