Basteira: Onomástica

A Coruña

Torre de Hércules

A Coruña, antonte mesmo un lamentable pleno onde quedou claro que o menos importante é o topónimo. Os moi mediocres políticos coruñeses non teñen o máis mínimo interese en coñecer a verdadeira orixe deste topónimo, e a mediocridade neste país tamén é coñecida pola súa xenreira pola lingua, a historia, e os sinais de identidade deste pobo.

Sobre A Coruña levamos escoitado teses disparatadas como a de Caridad Arias, que non tivo problema en asociala co nome de Cronos sen sentirse na obriga de explicar os datos que tiña para tal sabedoría. O coruñés da rúa, o “de toda a vida” tamén ten claro o nome e sobre todo a razón: “se llama La Coruña porque se llamó así toda la vida” . O razoamento é demoledor, e a confusión entre o que é o propio ciclo vital e o que é a historia é tamén sobresaínte. No entanto tamén ten habido ideas diferentes sobre a orixe de A Coruña que, aínda que discutibles por teren ofrecido interpretacións máis baseadas en hipóteses varias que en realidades (seguramente neste caso non se poderá facer outra cousa), tamén é certo que ofrecían novas vías de discusión posible. Estoume lembrando do intento de relacionar o lugar onde hoxe vemos a Torre de Hércules cunha base prerromana *kar/*kor, derivada da súa situación como un destacado promontorio rochoso, mesmo lembrando outros lugares con formas orográficas parecidas como por exemplo Cariño. Tamén tivo moito éxito explicar a orixe nun presunto Clunia como o que dera lugar a Coruña del Conde, en Burgos, nome que se ofreceu como probable derivado da onomástica celta. Outras aproximacións tiraron pola testemuña antiga de documentos (que deben ser considerados con prudencia polos seus erros) como o Itinerario de Antonino ou a Xeografía de Ptolomeo, que na súa descrición da vía XX “Per Loca Maritima” cita un lugar chamado Caronium que se relacionou cunha primeira forma do topónimo; o problema é que os investigadores sitúan esta “Mansio”, que documentan como Caranico ou Caronium, na área comprendida entre Flauium Brigantium e Lucus Augusti, na área de Parga – Guitiriz. Isto lévanos, por último, a lembrarmos que hoxe en día dáse por feito que o Brigantium romano foi o emprazamento orixinario de A Coruña; a confirmación desta hipótese aparece reflectida no texto de Orosio I, II, 33 no que di o seguinte: “Secuudus angulus circium intendit, ubi Brigantia Gallaeciae civitas sita altissimam farum et inter pauca memorandi operis ad speculam Britanniae erigit…” o que amosa a importancia do tráfico marítimo cara as Illas Británicas.

Se nos fixamos na arqueoloxía, os espazos habitados máis antigos que atopamos na área coruñesa son: o Castro de Elviña, datado entre os séculos I a.C. – II d. C, e os de Nostián e Castrillón. A época romana conta con presenza nos séculos I – IV d. C. especialmente en parte da logo Cidade Vella e Pescadería, sendo frecuentes os achados de antigas edificacións e tumbas en rúas como a Real ou a Franxa. A Torre de Hércules, levantada onde hai quen pensa que está a explicación ao topónimo, foi feita no século II d. C. En calquera caso, o nome destes lugares perdeuse, logo da desaparición do Imperio e da perda de relevancia do seu porto. O nome que sucedeu a Brigantium resultaría ser, andado o tempo, o de Farum Brecancium, o que querería dicir que a poboación perdería importancia na designación do topónimo gañándoa o feito da existencia do faro. Aparecería logo na comarca unha nova poboación, o Burgo de Faro que estaría situado no actual O Burgo, xa mencionado no século XII e con moi probable presenza anterior.

Os precedentes do topónimo Coruña son escasos entre o período antes mencionado e o documento fundacional que data de 1208 e que di así: “Do pro termino Concilio de Curunia duas leguas in circuitu ipsius ville ex omni parte. Concedo…”

Escasos mais non inexistentes; o topónimo aparece citado na crónica do Pseudo Turpín, incluída no Codex Calixtinus e tamén aparecerá no “Foro dos Cregos”, carta dada por Fernando II en 1180 aos cregos de A Cruña, eximíndolles do pago de impostos, texto que dicía o seguinte:

eu rrey Don Fer/nando en sinbla con meu fillo Rrey Don Afonso a exenplo dos bos reys e contra o destruimento e as forças dos malfeytores/ faço carta de libredume et de encoutamento/ a todos los clérigos na Cruña e en todo seu/ alfoz et seu términos hestabelecido e mo/radores et a todos los outros que depois elles…”

As formas Crunna e Crunia serán as formas que máis aparecen na documentación posterior ao documento fundacional. Sucesivamente irán aparecendo documentos en galego e en castelán nos que xa aparece o artigo, cousa que veremos por exemplo no 1286 nunha carta de don Sancho ao comendador de Faro pedíndolle que desfaga a pobra do Burgo e que di así:

“… y poblastes después que uos los conpro el Rey don Alffonso, mio padre, quando poblo la Crunna…”

Ou nun subarrendamento feito en 1282 en Sobrado: “..do dito moesteiro avos Martin Perez de Sanctiago vizino e morador da Crunna e a vossa moller donna Orraca Eanes…” . O mesmo Mosteiro de Sobrado danos outro exemplo en 1315 de Crunna, desta volta en castelán: “… al Conçejo de la Crunna et el conuento del monesterio de Sobrado…”

As formas Coruna e Corunna aparecerán no S. XIV coa introdución dun “o” epentético certamente non habitual no galego, como irregular sería a presunta evolución dun Clunia en Crunia, para Moralejo posiblemente por influencia medieval culta e conservadora. O que levamos exposto non quere dicir nada especial, porque nada seguro temos. O único que é seguro é que esta forma, Coruña, aparece noutro lugar da provincia homónima, concretamente no Val do Dubra, así como en tres da de Lugo. Tamén sabemos que onde se repetiu foi en áreas do interior de Galicia, non coñecemos a constancia dun Clunia previo nestes sitios como aconteceu con Clunia Sulpicia, que hoxe é Coruña del Conde. Non sabemos a razón que motivou o fundar unha cidade cun nome practicamente novo para o que case non había referencias previas. Máis doado é pensar que o movemento de poboación do Burgo de Faro á nova vila debeuse ao interese en potenciar un porto ao atoparen máis axeitado o lugar que hoxe é A Coruña para tal fin. Sabemos  que a xente que vivía alí non falaba castelán pois até non hai demasiados anos Galicia era monolingüe en galego, polo que mal lle podían poñer artigos en español aos lugares onde vivían… o que non sabemos é a razón pola que hai xente que perde e fai perder o tempo.

  • É probable que a entrada da ría á cidade de Brigantia contase cun sistema de simples emprazamentos ou mesmo pequenas torres para vixianza e alerta do oppidum ou cidade principal do reino brigantino. A máis estratéxica desas atalaias, situada no exterior da ría, na península da Coruña, convertiríase anos despois no que se deu en chamar Farum Brigantium ou Faro de Brigantia, e que hoxe coñecemos co nome de Torre de Hércules. Deste periodo histórico do Reino de Brigantia orixinou a lenda máis antiga que se conserva sobre o Faro –a lenda do Rei Breogán e da conquista de Irlanda– e deste tempo tamén data o primeiro nome histórico do Faro, Farum Brigantium ou Faro de Brigantia, que é o nome polo que se coñeceu ao Faro durante toda a Idade Antigua e Idade Media.

Podes seguir os comentarios a través de RSS 2.0