Basteira: Toponimia e Onomástica

A Coruña

Torre de Hércules de noite

A Coruña, antonte mesmo un lamentable pleno onde quedou claro que o menos importante é o topónimo. Os moi mediocres políticos coruñeses non teñen o máis mínimo interese en coñecer a verdadeira orixe deste topónimo, e a mediocridade neste país tamén é coñecida pola súa xenreira pola lingua, a historia, e os sinais de identidade deste pobo.

Sobre A Coruña levamos escoitado teses disparatadas como a de Caridad Arias, que non tivo problema en asociala co nome de Cronos sen sentirse na obriga de explicar os datos que tiña para tal sabedoría. O coruñés da rúa, o “de toda a vida” tamén ten claro o nome e sobre todo a razón: “se llama La Coruña porque se llamó así toda la vida” . O razoamento é demoledor, e a confusión entre o que é o propio ciclo vital e o que é a historia é tamén sobresaínte. No entanto tamén ten habido ideas diferentes sobre a orixe de A Coruña que, aínda que discutibles por teren ofrecido interpretacións máis baseadas en hipóteses varias que en realidades (seguramente neste caso non se poderá facer outra cousa), tamén é certo que ofrecían novas vías de discusión posible. Estoume lembrando do intento de relacionar o lugar onde hoxe vemos a Torre de Hércules cunha base prerromana *kar/*kor, derivada da súa situación como un destacado promontorio rochoso, mesmo lembrando outros lugares con formas orográficas parecidas como por exemplo Cariño. Tamén tivo moito éxito explicar a orixe nun presunto Clunia como o que dera lugar a Coruña del Conde, en Burgos, nome que se ofreceu como probable derivado da onomástica celta. Outras aproximacións tiraron pola testemuña antiga de documentos (que deben ser considerados con prudencia polos seus erros) como o Itinerario de Antonino ou a Xeografía de Ptolomeo, que na súa descripción da vía XX “Per Loca Maritima” cita un lugar chamado Caronium que se relacionou cunha primeira forma do topónimo; o problema é que os investigadores sitúan esta “Mansio”, que documentan como Caranico ou Caronium, na área comprendida entre Flauium Brigantium e Lucus Augusti, na área de Parga - Guitiriz. Isto lévanos, por último, a lembrarmos que hoxe en día dase por feito que o Brigantium romano foi o emprazamento orixinario de A Coruña; a confirmación desta hipótese aparece reflectida no texto de Orosio I, II, 33 no que di o seguinte: “Secuudus angulus circium intendit, ubi Brigantia Gallaeciae civitas sita altissimam farum et inter pauca memorandi operis ad speculam Britanniae erigit…” o que amosa a importancia do tráfico marítimo cara as Illas Británicas.

Se nos fixamos na arqueoloxía, os espazos habitados máis antigos que atopamos na área coruñesa son: o Castro de Elviña, datado entre os séculos I a.C. - II d. C, e os de Nostián e Castrillón. A época romana conta con presenza nos séculos I – IV d. C. especialmente en parte da logo Cidade Vella e Pescadería, sendo frecuentes os achados de antigas edificacións e tumbas en rúas como a Real ou a Franxa. A Torre de Hércules, levantada onde hai quen pensa que está a explicación ao topónimo, foi feita no século II d. C. En calquera caso, o nome destes lugares perdeuse, logo da desaparición do Imperio e da perda de relevancia do seu porto. O nome que sucedeu a Brigantium resultaría ser, andado o tempo, o de Farum Brecancium, o que querería dicir que a poboación perdería importancia na designación do topónimo gañándoa o feito da existencia do faro. Aparecería logo na comarca unha nova poboación, o Burgo de Faro que estaría situado no actual O Burgo, xa mencionado no século XII e con moi probable presenza anterior.

Os precedentes do topónimo Coruña son escasos entre o período antes mencionado e o documento fundacional que data de 1208 e que di así: “Do pro termino Concilio de Curunia duas leguas in circuitu ipsius ville ex omni parte. Concedo…”

Escasos mais non inexistentes; o topónimo aparece citado na crónica do Pseudo Turpín, incluida no Codex Calixtinus e tamén aparecerá no “Foro dos Cregos”, carta dada por Fernando II en 1180 aos cregos de A Cruña, eximíndolles do pago de impostos, texto que dicía o seguinte:

eu rrey Don Fer/nando en sinbla con meu fillo Rrey Don Afonso a exenplo dos bos reys e contra o destruimento e as forças dos malfeytores/ faço carta de libredume et de encoutamento/ a todos los clérigos na Cruña e en todo seu/ alfoz et seu términos hestabelecido e mo/radores et a todos los outros que depois elles…”

As formas Crunna e Crunia serán as formas que máis aparecen na documentación posterior ao documento fundacional. Sucesivamente irán aparecendo documentos en galego e en castelán nos que xa aparece o artigo, cousa que veremos por exemplo no 1286 nunha carta de don Sancho ao comendador de Faro pedíndolle que desfaga a pobra do Burgo e que di así:

“… y poblastes después que uos los conpro el Rey don Alffonso, mio padre, quando poblo la Crunna…”

Ou nun subarrendamento feito en 1282 en Sobrado: “..do dito moesteiro avos Martin Perez de Sanctiago vizino e morador da Crunna e a vossa moller donna Orraca Eanes…” . O mesmo Mosteiro de Sobrado danos outro exemplo en 1315 de Crunna, desta volta en castelán: “… al Conçejo de la Crunna et el conuento del monesterio de Sobrado…”

As formas Coruna e Corunna aparecerán no S. XIV coa introdución dun “o” epentético certamente non habitual no galego, como irregular sería a presunta evolución dun Clunia en Crunia, para Moralejo posiblemente por influencia medieval culta e conservadora. O que levamos exposto non quere dicir nada especial, porque nada seguro temos. O único que é seguro é que esta forma, Coruña, aparece noutro lugar da provincia homónima, concretamente no Val do Dubra, así como en tres da de Lugo. Tamén sabemos que onde se repetiu foi en áreas do interior de Galicia, non coñecemos a constancia dun Clunia previo nestes sitios como aconteceu con Clunia Sulpicia, que hoxe é Coruña del Conde. Non sabemos a razón que motivou o fundar unha cidade cun nome prácticamente novo para o que case non había referencias previas. Máis doado é pensar que o movemento de poboación do Burgo de Faro á nova vila debeuse ao interese en potenciar un porto ao atoparen máis axeitado o lugar que hoxe é A Coruña para tal fin. Sabemos  que a xente que vivía alí non falaba castelán pois até non hai demasiados anos Galicia era monolingüe en galego, polo que mal lle podían poñer artigos en español aos lugares onde vivían… o último que non sabemos é a razón pola que hai xente que perde e fai perder o tempo. Ese é un grande misterio.

Mallos, Malpica, Penamoa

 

Os topónimos que teñen a raiz *mal-, *mel-, *mala- , teñen presenza non só en Galicia, senón tamén noutras áreas da Península Ibérica e europeas. Este composto, que parece ter como significado orixinario o de “subir, aparecer, destacar, sair“. Non só dá nome a moitos ríos paleoeuropeos, senón tamén a picos, rochas, ou lugares elevados. No caso galego poderíamos citar varios exemplos destes dous significados. No referente a ríos, a presenza de varios deles con nomes como Amalló, Malvela, Malaxe, Malagón ou Malo; unha fonte Malla en Pontevedra, un regato da Malata en A Coruña, e un lugar que tamén ten a súa orixe na raíz *mel- como é Romelle, documentado antigamente como “flumen Melle” “riu qui discurrit de Riomelli”…  e fora da nosa área un río Mala en Navarra, o torrente de Malany en Girona… e moitos máis espallados pola xeografía peninsular. Hai un río Maluro, coincidente en nome co pico Maluro, de 1.957 metros de altitude,  situado na súa vertente occidental, que está no camiño a Pena Trevinca; este río ten un segundo composto en *-ur / *-or, que segundo os autores Villar e Prósper, denotaría auga sucia ou río turbio. Na mesma vertente occidental temos un río Meladas, coa mesma raíz da que estamos a falar, e non é o único que a ten, no mesmo concello de A Veiga, preto da Serra do Eixe, temos un río Mao que dá nome tamén a unha aldea próxima, Riomao, e tamén en A Veiga  podemos atopar un lugar chamado Castromao.

Mais esta raíz ten dado tamén non menos abondosos topónimos referidos a lugares altos, rochas, picos, serras ou rochedos illados, algúns, como no caso da área de  Aragón, especialmente chamativos.  Foi tema de debate se era unha raíz indoeuropea ou anterior, debate que para algúns autores como Francisco Villar e Prósper non debería de existir ao xustificaren eles con varias razóns a indoeuropeidade da raíz que é o noso tema de hoxe. En calquera caso está fora de dúbida que a raíz e os topónimos que veñen dela teñen unha antigüidade notable. Sirva como exemplo o caso de Malpica, que logo de perder a memoria do significado orixinario produce unha tautoloxía repetindo o significado nun segundo composto de significado máis claro.

Repetimos que  Pokorny afirmaba un orixinario *mel-, con significado de “sair, destacar, aparecer, subir”.  O Diccionario etimológico indoeuropeo de la lengua española, de Roberts e Pastor, fala dun orixinario *mel- con variante *mal- que dará un latino malleus, con significado de “martelo, mazo”. Este significado é a explicación que algúns dan para xustificar, por presunta semellanza física, o caso por exemplo dos Mallos de Riglos, en Aragón, que son unhas rochas prominentes e lisas e que xa hai moito son paraíso de escaladores.  Sobre isto podemos ler definicións como estas: “Topónimo aragonés (derivado del latín malleus, «mazo») que se aplica a los grandes escarpes rocosos de laderas verticales que, a modo de pilones aislados, se adosan en la ladera de una montaña” Neste caso, hai que salientar que nun estudo do léxico dos documentos redactados en Aragón entre os séculos XI e XII, mencionase mallo co significado de: “gran pico rocoso”, según se pode ler na revista de filoloxía Caplletra

Eu teño as miñas dúbidas sobre o feito de que unha fisonomía parecida á de un martelo dese nome aos Mallos de Riglos, pois éstes non son os únicos Mallos que hai en Aragón, tamén temos os Mallos d´Agüero, San Esteban del Mall… e non só en Aragón, tamén en Cataluña aparece este topónimo nos Mallos de Montserrat, ou de Sant LLorenç del  Munt, entre outros; e afirmar que todos reciben ese nome por semellanza física cun martelo ou mazo parece arriscado. Sobre todo se temos en conta que lugares chamados Mallos non son exclusivos da xeografía aragonesa. En Galicia temos topónimos coa forma Mallos ou semellante, e todos parecen estar en lugares elevados sen que sexa necesaria unha paisaxe tan abrupta como a mencionada nin a semellanza cun martelo. Así podemos apreciar lugares como Mallou, na zona de Lira, que é un castro que se asenta sobre unha rocha elevada. Mesmo na Coruña temos a barriada dos Mallos, tamén caracterizada por ter que subir pronunciadas costas ata chegar a ela.

Nas áreas de montaña pirenaica tampouco podían faltar os lugares que teñen relación coa raíz da que estamos a falar, mesmo cimas de tanto nome como Bachimala, Maladeta, ou Tozal del Mallo no parque de Ordesa, ou o Puigmal en Cataluña, área que tamén ofrece outros nomes como o Malls de Rius. Tamén hai moitos lugares semellantes en Andorra ou en Francia, onde son sobranceiros o pico de Vignemale  e o Tourmalet, éste último coñecido por ser un porto de referencia no Tour de Francia.

Para acabar, tamén ven ao caso falar doutros nomes de penedos singulares. Os que vivimos en A Coruña coñecemos ben o lugar chamado Penamoa,  e non é difícil relacionar o topónimo con outros lugares como Peña Muela, da que temos unha en León, sen ir máis lonxe. Muelas hai moitas tamén na xeografía peninsular, e como a Penamoa coruñesa, proveñen do étimo latino “mola”, do que xa consta en 1335, segundo Segura Munguía, o significado de “cerro escarpado de cima plana”. É dicir, estos nomes referiranse a penas que se erguen de xeito significativo en relación ao contorno, aínda que teñen a característica de non ter pico, senón unha área chá no seu cume. Irmáns destes topónimos son os lugares galegos Moar, Mos, Mo e Moas. Fora de Galicia temos tamén exemplos abondosos, como Peramola, El Molar, La Mola, Villamuelas, Muelas del Pan ou Muelas de los Caballeros.

Aguillóns, Labacengos, Guichos

 Disque as rochas máis antigas están na Bahía de Hudson, en Canadá, cunha antigüidade de 4.000 millóns de anos. Logo seguen uns lugares en Groenlandia, Swazilandia, Michigan ou Australia; e nun destacado lugar atopamos o Cabo Ortegal, no concello de Cariño, na Coruña. As rochas do Cabo Ortegal estímase que teñen unha antigüidade de 1.160 millóns de anos, e son científicamente coñecidas por representaren un ben preservado fragmento do manto superior, composto por rochas ultramáficas con especial presenza da piroxenita. Este estrato conservado parece ser o resultado da cristalización do magma. O Cabo Ortegal ten, ademais dun enorme interese xeolóxico, interese paisaxístico e ornitolóxico. Está incluido no Lugar de Interese Comunitario chamado “Costa Ártabra”.  

Se o Cabo Ortegal é agora famoso por isto, xa era un lugar coñecido por Ptolomeo, do que falaba na súa Xeografía co nome de Lapatia Koroy Akron, promontorio que se estima que é o mesmo que o Aryium que cita Avieno na súa Ora Marítima “Aryium rursum intumescit prominens in asperum septentrionem”, e que correspondería á Punta dos Aguillóns. Esa área estaría habitada pola tribo dos Lapatiancos, xentilidade do pobo dos Artabros que tamén ocupaban a área de Cedeira e Moeche, e que deixarían, no concello de Moeche, o precioso topónimo de Labacengos.

Preto do Cabo Ortegal emerxen tres rochas, chamadas Os Aguillóns e tamén citadas por Ptolomeo como Trileykoi Nesoi. Estas pequenas e agudas illas están situadas fronte ao faro do Cabo Ortegal. O nome de Trileucos (tres brancos), merece diferentes xustificacións, uns din que colle a cor da branca escuma do mar que bate contra eles, e outros din que responde ao guano da impresionante colonia de araos que ata hai relativamente pouco tempo habitaba neles. De calquera xeito, habendo tres rochas principais, en realidade é un arquipélago no que as súas illas chámanse: Insua Maior, Cabalo Xoán, Tres Irmáns, A Longa e O Rodicio. Estos Aguillóns non son os únicos que hai en Galicia, hai outro grupo de pequenas illas na ría de Corcubión que son chamadas os Aguillóns de Sagrelos, e mesmo hai, xa en terra firme, un pico pontevedrés chamado dos Aguillóns.

O topónimo de Aguillón ven do latín vulgar aquileo-onis, que é unha variante de aculeus; e ten como sinónimos farallón, cabezo, con, pena ou penedo. Moitos destes vocábulos son coñecidos, ainda que seguramente algo menos coñecido é outro xeito de chamar ás rochas agudas que emerxen do mar. Hai lugares en Galicia e Portugal, como por exemplo Os Guichos en Malpica, na Coruña, que teñen como característica a presenza de pequenas illas de formas agudas ou picudas. Os dicionarios teñen como unha das acepcións para a palabra guicho a de “pico, punta aguda”. O máis explícito é o de Aníbal Otero, que di que o significado de guicho é o de: “puntiagudo hacia arriba, dícese especialmente de la cabeza y los cuernos”.

Espero que neste breve artigo non se me dera por “falar como quen dá couces contra un aguillón”, pois segundo a sabedoría popular, estaríame empeñando en facer algo inútilmente, ou ainda peor neste caso, estaría falando para as paredes.

Galicia e Portugal

Cando no artigo Galicia, Galiza, Cantabria, mencionaba as dúas formas recoñecidas pola RAG, só tiña intención de amosar unha realidade constatable: que hai dúas formas recoñecidas. As preferencias por unha ou outra forma non eran o obxectivo dese artigo. Quen comenta o artigo co pseudónimo  “Eu” ten claro que a forma Galicia é un castelanismo porque a súa evolución é totalmente antietimolóxica, e explica que non hai motivo para cerrar a primeira vocal. Tamén ten claro que a forma Galiza é a primeira que aparece en romance, e pensa que o termo Galicia non aparecería se non fose introducido polo castelán. Tamén di que no territorio portugués nunca se rexistra Galicia. En fin, as mencións de frecuencias e datas que se rexistran no CORDE, polo que se ve, non convencen a quen fai os comentarios. Este asunto non ven de onte. Xa no ano 1977 a USC, buscando unificar a fala, escribía textualmente nun dos seus seminarios:

Dentro deste apartado entra o debatido nome da nosa terra: hoxe Galicia, en galego antigo Galiza (cast. antigo Gallizia, Galizia, Galicia, port. mod. Galiza). Ante o dilema Galicia/Galiza coidamos que se debe aceptar sin reservas Galicia porque:

Galicia en cast. é un galeguismo, polo menos parcial, o esperado sería Gallicia (xa que non *Galleza)”

 Efectivamente, en castelán, seguindo as regras etimolóxicas, o nome sería Galleza, ou con cultismo Gallecia. Estímase que dende o principio, en galego preséntase unha metafonía no que o “e” pecha en “i” por influxo do segundo “i”. Xa que logo, as dúas cuestións que denotan a galeguidade de Galicia, como a simplificación do “ll” e a metafonía, serían resultados propios da evolución galega. Este galeguismo pasaría ao castelán, insisto, ainda que non pasou o xentilicio que todos coñecemos. De feito, na miña opinión, o proceso foi xusto ao revés do que se comenta, é dicir, a forma máis antiga, a de Galicia, sería a que pasaría ao castelán e acabaría predominando sobre as súas formas, logo aparecería Galiza, tan xenuinamente galega como a forma anterior ainda que máis tardía. A persoa que fixo o comentario, non debe esquecer que nas formas do castelán patrimonial os grupos *cia e*cio evolucionan a *za e *zo. E sobre a área onde o topónimo Pacio está presente, enfrontado a Pazo, hai unha isoglosa no mapa da páxina 481 no libro Letras Primeiras, de Henrique Monteagudo. Quen o queira consultar, observará que a área de Pacio non é tan pequena como se dá a entender.

Xa que tamén se menciona que no territorio portugués nunca se rexistra Galicia, vexamos o que se comenta por alí.

Leite de Vasconcelos opina o seguinte: “ a verdade, e como parece óbvio, Gallaecia não pode directamente explicar o topónimo em causa, mas sim após ter sofrido metafonia na sílaba tónica por influencia do ‘i’ seguinte”.

Jose Pedro Machado, no Dicionário Onomástico Etimológico da Lingua Portuguesa dinos o que segue:

“Em textos do séc. XI só ocorrem Gallicia, Galicia e Gallitia” como se menciona no Portugaliae Monumenta Historica; e segue: “ …ver ainda Galicia em cita do Elucidàrio das Palavras… como ocorrente nas ‘Inquirições d´El-Rei D. Affonso III sobre a igreja de S. Martinho de Coura, no arcebispado de Braga…” e segue: “Galiza está no texto de 1258 (Inquisitiones) e em St. Maria ‘do reino de Galiza o fezera’.”

En Portugal hai tamén un topónimo Galizes, que para Almeida “ Tudo indica Gallizes uma designação étnica, sinónima de *Gallecos>Gallegos que também está bem representada na toponímia e é de sentido claro. Já temos em 1258 Galizes…”

Non se me esquece o que se di tamén para o nome de Alemania, que ten tamén un “ele duplo na sua versión latina”. Alemania ven do latín tardío Alemannia, nome derivado da tribo dos Alemanni. Aparece documentado nas fontes latinas como alamanni ou alemanni. O seu significado, “todos os homes” do xermánico Ala e Man interprétase como que eles mesmos danse ese nome ao unírense varias tribos. 

A voltas con Salas

 

Supoño que é o mesmo lector, a quen lle agradezo de antemán o seu interese, o que insiste no topónimo Sala  como terreo de labor, e atopei algo novo sobre iso. Porén, no seu comentario aporta un texto, publicado  na sección adicada a tira-dúbidas de AGAL Portal Galego da Lingua. O devandito texto, publicado o 30/9/2005 non está asinado, mais hai un comentarista habitual que sí asinou outros textos nesa sección, trátase do prof. Higino Martins. Logo de consultar un libro seu, As tribos calaicas, observo que abonda na mesma teoría, é dicir que as Sás ou Salas peninsulares non corresponden a unha edificación, senón a unha sementeira. Noutro artigo, o 21/1/2005, chégase mesmo a dicir: “… tras muitas hipóteses obsoletas, cremos ter aquí un celtismo SALA “sementeira”, da raíz indoeuropea *sei ’semear’. O significado “sementeira”, através de “colheita” passa fácilmente para “geraçom”.

Eu penso que, o exposto no artigo Sala, Zas, Salamonde, Salouzáns é válido; mesmo se apuntaba a unha acepción secundaria que indicaba “sementeira”, aínda que se indicaba que era posterior á acepción orixinaria. Dicir que é unha hipótese obsoleta a mantida pola case totalidade da bibliografía incluindo dicionarios etimolóxicos, cunha única excepción, que eu saiba, e mesmo afirmar que os Sas, Salas da península (coa excepción da hidronimia da base *sal, *salia xa comentada), non teñen nada que ver con edificacións… é moito dicir para non dar máis datos que avalen esa teoría.

O Diccionario Etimológico Indoeuropeo de la Lengua Española, de Roberts y Pastor, contempla unha raíz indoeuropea *se, co significado de sementar, que no alto alemán antigo dará saen; no prusiano antigo semen; no córnico has; no bretón hed; e no irlandés antigo sil. Non sei se o celtismo sala con significado de “sementeira” tería que vir dun protocelta, mais o que se contempla consultada esta posiblidade é unha raíz *seg. Porén, o mesmo dicionario de Roberts e Pastor ofrece un *sel- co significado de “estancia humana” que dará no anglosaxón salor; no islandés antigo salr; no búlgaro antigo selo (aldea) e no xermánico *sal, co significado de habitación, cuarto.

O vocábulo é verdade que ten unha presenza moi antiga en áreas de lingua romance, cítanse exemplos dos SS. XI-XIII no Onomástico e nos Subsidios de Cortesão; polo que Corominas non desbota que tivera presenza a través das linguas xermánicas como o fráncico e o visigótico, e mesmo fora reintroducido por “una oleada de origen caballeresco, procedente de Francia o de Cataluña” . En Galicia pouco ou nada sabemos das linguas xermánicas, (nomeadamente o suevo) que se falaron aquí, e segundo Ramón Mariño, na súa Historia da lingua galega, “…son minoritarios, tanto en galego coma nos restantes romances hispánicos, os xermanismos que nos foron legados directamente por un idioma xermánico aquí falado nalgún momento…” En calquera caso, en Galicia xa constan topónimos con Sala no inicio do S. X. ; e no libro publicado co título Léxico hispánico primitivo, e redactado por Manuel Lapesa, aparece o seguinte na entrada salla: -”(del germánico sal), f. Palacio, casa. (1097-1104) dono una terra ad illa salla de Berenguer Gombald

O vocábulo que nos chega  ten orixe no fráncico (dialecto xermano occidental), e se consultamos o alemán Saal no Etymologisches Wörterbuch des Deutschen, da editorial DTV  vemos que xa se contempla no alto alemán medio (1050-1350) o significado de sal como “Haus, Halle”, e mesmo remítense as variantes existentes a un “Einraumhaus”, ou casa dunha soa estancia. As variantes que nos dá son: do longobardo sala; do antigo saxón seli; do baixo alemán medio sal; do antigo inglés sele; do medio holandés sale, sael, sele… e xa se atopan compostos deste étimo no S. VIII . Hai moitos máis exemplos, curiosamente tamén aparece unha derivación co significado de “Feld, Acker, Dorf” ou sexa, campo, terra de labor e aldea, o que pasa é que aparece este significado no antes mencionado selo, do eslavo antigo. En todos os demáis casos a idea é a de vivenda. Para rematar dísenos: “Zu erschliessen ist eine Wurzel ie. *sel- ‘Wohnraum’ “. Ou sexa que remítesenos a unha raíz indoeuropea *sel- , o mesmo que no dicionario de Roberts e Pastor, cun significado de “vivenda”.

O libro Lexikon Bayerischer Ortsnamen fala do topónimo Saal an der Donau, en área da Baixa Baviera, in loco qui dicitur ad Salla documentado no ano 790. O significado remítese por Albrecht Greule ao “germanisch *sal-az ‘Einraumhaus’ ”, mais Snyder opinará, penso que con razón, que a inmediatez do río Donau indicaría, de novo, unha base hidronímica *sal-. Esta confusión entre hidrónimos ou edificacións tamén é comentada no libro La toponimia en la zona arqueológica de Las Médulas, de Fernando Bello, que na entrada Salas de la Ribera, e falando de Sala, dinos que os Salas leoneses están a carón dun río ou regato, polo que moi ben poideran ser hidrónimos, mais tamén nos di que o étimo Sala, de orixe gótico-xermánica, significaba en orixe “edificio de una sola pieza”, e tamén relata que na Idade Media tiña o significado de explotación agraria por concesión señorial. Comenta que é raro o mantemento nesa área do /l/ intervocálico, e máis tendo preto de ahí Valdezás, mais tamén comenta outras interesantes cousas, por exemplo que, para Llorente Maldonado “el gótico Sala significó ‘caserío, finca’, pero también ‘vega, ribera, terreno susceptible de inundarse’, probablemente por evolución da base hidronímica *sal. Lembremos que en Portugal existen as dúas solucións Sáa e Sala, esta última nos territorios que estiveron en área mozárabe.

En Francia, que é dende onde se supón que chega á península o xa comentadísimo étimo, atopamos exemplos tanto en toponimia como en onomástica. Na península hai Salanueva, Saavedra, Sáa etc. como apelidos; igual que en Francia teñen Lasalle, e no campo toponímico comenta Dauzat Saales como probablemente provinte do xermánico seli; e con formas Sales, Salles unha morea de lugares, a meirande parte con orixe en Sala e que xa se empezan a documentar a partires do 972, e hai tamén Salles asociados a un antropónimo, como Sallagriffon (dun nome xermánico Grifo), ou Sallebruneau. Para rematar, ven ao caso citar o topónimo portugués Salaborda, pois fálase de que poida ser unha tautoloxía cunha primeira parte en Sala e unha segunda, Borda, que significa “construção ou morada feita de madeira ou pranchas”.

Na miña humilde opinión, a toponimia busca singularizar e definir os espazos xeográficos, para identificalos. Os cultivos tamén valen para iso, temos exemplos en Feás, Centeás ou Liñares, mais sigo sen atopar a case ninguén que opine que Sala, cando non é referido a hidrónimos, ten o significado exclusivo de “sementeira”, nin a case ninguén que opine que as hipóteses sobre edificacións son obsoletas. A afirmación de que as Salas peninsulares son sementeiras con étimo de base céltica, máis que contundencia merece prudencia.

Camba, Cambre, Cambados, Cambridge

O que poña no buscador de topónimos o vocábulo camb, obterá unha boa cantidade de resultados. Moitos coñecidos, como Cambados ou Cambre; outros algo menos, como Cambariña, Cambela, Cambeses, Cambeda, Camba, Cambadas, Cambeiro, Cambelas, Cambás, Portocamba, Cambicia, Cambeo, e mesmo un río de Camba. Estamos a falar dun topónimo de case segura orixe céltica, en calquera caso indoeuropeo sen dúbida, así que pódesenos ocurrir algún lugar onde poida haber outro de similar orixe. Un dos que nos virá primeiro á cabeza é o lugar de Cambridge, (ponte sobre o río Cam), e se miramos no Cambridge Dictionary of English Place-Names, atoparemos o seguinte sobre Cam : “…the river name is not so early evidenced… but probably represents primitive Welsh *camm (british *cambo, crooked). The stream has a winding course”. É dicir, temos un río con moitos meandros, curvado. Este dicionario, ademáis, tamén reflicte unha forma no inglés antigo *camb que dá o topónimo inglés Cambo. E non é esta a única forma, tamén outros topónimos ingleses teñen a súa raíz no vocábulo *cambo, con variantes no galés *camas, *camais; irlandés *cambas; ou o irlandés antigo *cammas (bahía). Para abondar máis, este diccionario fala dun río Camel co significado de río con moitas curvas, e non é o único exemplo que pon, polo que temos tamén o que parece ser unha base bastante productiva na área británica.

E, se unha base toponímica de orixe celta está nas Illas Británicas, o normal é que tamén apareza en Francia. Dauzat relaciona varios topónimos franceses sobre compostos do galo *cambo (curvo), como Chambezon, de *cambo e *dunum (cuiña), con cambio de final; Chambon… Dauzat tamén menciona varios lugares achegados a ríos, formados sobre “*cambo- , courbe (de rivière)”; como Camon ou Cambo-les Bains. Unha explicación moi semellante á que se dá máis abaixo sobre Cambres, témola en Francia co topónimo Cambronne, do que se di: “Camberona, vers 1020, du gaul. *cambo, courbe et –ar- , suff. ou hydronyme pré-indo-eur. et gaul. –onna , rivière”

Por suposto, formas semellantes aparecen tamén en Portugal, onde se fala dun prerromano *cam, *camb- topográfico, que significaría elevacións redondeadas, así, fanse provir de ahí os lugares, entre outros, de Cambada, Cambado, Cambeses (repítese o de Galicia, o sufixo denota a orixe dos habitantes, que virían dun lugar chamado Camba) e mesmo de Cambres, que Almeida relaciona con Cambaras, do prerromano *camb curva e *ar(a) auga. A súa evolución sería: *Cambaras> *Cambras > *Cambres. Moralejo tamén falará do Cambre galego, (Calambre no S. X.) do que di que ben puidera relacionarse co antigo Calambrio/bria da Galia.

Segura Munguía, no seu “Diccionario por raíces del latín” fala de camba-ae como pata dos cabalos, pide que se compare co grego kampé, (curva) e relaciona canga, (xugo) como probablemente do celta *cambica (madera curva). O dicionario da RAE tamén fala de canga, na súa etimoloxía, como: (Del celta *cambica, madera curva, der. de *cambos, curvo; cf. galés kamek). No castelán tamén se refire gamba, (pierna) como provinte do latino camba, do que Corominas comenta o seguinte, en contraposición a Segura: “…suele mirarse como tomado del griego… , origen que debe revisarse, acaso a favor del céltico, atendiendo a la fecha tardía del cambio griego de –mp en –mb…” “…si el sentido etimológico fuese miembro curvo, curvatura, y el vocablo fuese idéntico a la cama del arado el céltico ofrecería una buena base con *camba, (curvatura)”.

Blanca Prósper tamén relaciona o radical *comb cun indoeuropeo *(s)kemb- curvo, como mencionara Pokorny, e atópao xeralizado no antigo irlandés *camb (curvado); galo Cambión (torcido); hidrónimo Cambio- ; tamén como probable o galego-asturiano canga (xugo); e cunha forma céltica *camb que dá varios topónimos e hidrónimos en Galicia e Portugal, e mesmo un río Cambilla en Cantabria.

En Galicia tamén temos opinións que coinciden co xa falado. Moralejo fala de Camba como dun hidrónimo do que se poden poñer varios exemplos, e Cabeza tamén relaciona toda esa cantidade de topónimos, e outros como Cambás, Cambada, con ese radical céltico *camb- (curva, cousa curva).

Xa remato, nos dicionarios históricos do galego aparecen definicións que poden ser, tamén, ilustrativas. No de Pintos: “pieza curva lateral del carro”, acepción que se repite en moitos outros; o máis explícito é o de Carré: “Cada una de las dos piezas curvas de madera que forman, con el milde, las ruedas de los carros del país”. A sabedoría popular sacará un dito no dicionario de Elixio: “és máis torto cas cambas do carro”. Hai outra denominación curiosa, chámase cambado a aquel que ten as pernas torcidas, formando arco, denominación que aparece en moitos dicionarios históricos.